Vivenda

Os prezos da vivenda, rúa a rúa: consulta aquí canto deberían cobrar polo teu aluguer

O índice de prezos de referencia para o alugueiro expón un abano de prezos a partir dunha serie de características da vivenda analizados tales como a superficie, a estado conservación, se ten ascensor ou non, aparcamento, ano de construción, zonas comúns e outras características que teñen o obxectivo de que as vivendas "con menos valor" non poidan incrementar o seu prezo ao seren equiparadas con vivendas de maior calidade na mesma zona.
Buscador do Índice de Prezos de Aluguer do Ministerio de Vivenda sobre un plano co rueiro de Vigo.
photo_camera Buscador do Índice de Prezos de Aluguer do Ministerio de Vivenda sobre un plano co rueiro de Vigo.

O secretario de Estado de Vivenda e Axenda Urbana, David Lucas, explicou esta terza feira que o Índice de Prezos de Referencia para limitar os prezos do aluguer en áreas tensionadas, dispoñíbel desde hoxe mesmo, consiste un sistema de rango de prezos, que estabelece prezos máximos e mínimos para unha vivenda a partir das características da mesma.

Ademais, este índice é homoxéneo para todo o territorio estatal, de base tributaria e que será actualizado cada ano, segundo indicou o 'número dous' de Vivenda nunha rolda de prensa na que informou sobre esta medida que a ministra competente, Isabel Rodríguez, anunciou que se publicaría antes de acabar o presente mes de febreiro "si ou si" para que empece a estar operativo en marzo.

O índice de prezos de referencia para o alugueiro expón un abano de prezos a partir dunha serie de características da vivenda analizados tales como a superficie, a estado conservación, se ten ascensor ou non, aparcamento, ano de construción, zonas comúns e outras características que teñen o obxectivo de que as vivendas "con menos valor" non poidan incrementar o seu prezo ao seren equiparadas con vivendas de maior calidade na mesma zona.

O secretario de Estado de Vivenda explicou que este índice é de base tributaria, polo que se utilizou a última declaración da renda dos distintos propietarios, que no caso deste ano será a de 2022, e actualizarase anualmente, coa última declaración á renda dispoñíbel en cada momento.

Canto vale a miña vivenda?

Este índice está dispoñíbel desde esta mesma terza feira na web do Ministerio (podes consultalo a través desta ligazón e comprobar canto deberían cobrarte polo aluguer), pero darase un prazo de dez días hábiles para examinar as propostas de cada comunidade autónoma para estabelecer este índice nas súas zonas e, unha vez examinadas, e se todo é "correcto", declararanse as zonas tensionadas. A partir do prazo legal fixado —un ou dous días—, poderase aplicar o limite do aluguer á zona declarada como tensionada.

Un índice que "só" se poderá aplicar no caso de que a comunidade así o demande, xa que a competencia en materia de vivenda é das comunidades autónomas. Actualmente, só Catalunya pediu declarar a zona tensionada para 140 municipios do seu territorio.

Con todo, durante a rolda de prensa, Lucas asegurou que outros territorios como Asturias ou Nafarroa trasladaron que lles gustaría estabelecelo nos seus territorios, aínda que non o verbalizaron ao Ministerio nin o pediron de momento explicitamente. "Convido outras comunidades a que poidan declarar zonas tensionadas", apelou o número dous de Vivenda.

Comentarios