O Consello de Ministros desta terza feria aprobou a modificación do regulamento sobre a comercialización de equipos radioeléctricos, un cambio que provocará que a partir do 28 de decembro de 2024 no Estado todos os novos cargadores de aparellos electrónicos deberán ser USB tipo C, segundo informou o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá.
Deste modo, a partir de 28 de decembro de 2024 todos os cargadores de teléfonos móbiles, tablets, cámaras, auriculares, altofalantes ou videoconsolas portátiles, entre outros dispositivos, deberán ser de tipo C para ofrecer unha "maior comodidade ao usuario".
Ademais, estabelécese a posibilidade de adquirir estes equipos sen o dispositivo de carga, algo que Escrivá subliñou que redundará nunha redución dos residuos electrónicos, co consecuente impacto ambiental.
Con todo, a modificación do regulamento estipula que no caso dos computadores portátiles a obrigación entrará en vigor en abril de 2026.
En outubro de 2022 o Consello europeo deu a súa aprobación definitiva á Directiva relativa ao cargador común. Isto significaba que en 2024 sería obrigatorio que toda unha serie de dispositivos electrónicos, como teléfonos móbiles, tablets e auriculares, dispoñan dun porto USB tipo C.
Xa non será necesario comprar un cargador distinto cada vez que se adquira un novo teléfono móbil ou dispositivo similar, porque todos poderán recargarse utilizando o mesmo cargador. O cargador común aumentará a comodidade dos consumidores, xa que permitirá harmonizar as interfaces de carga e as tecnoloxías de carga rápida, e reducirá notablemente os residuos electrónicos.