Consello da Xunta

A Xunta non declarará ningunha zona tensionada para o mercado do aluguer

O Goberno galego non vai declarar ningunha zona tensionada na Galiza. "Non cremos que esa sexa a solución" á suba do prezo do aluguer, afirmou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. Un informe encargado polo Goberno galego en decembro detectaba que 30% dos concellos poderían declararse como zonas tensionadas.
Rueda consello_01
photo_camera Rueda após un Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza)

"Nós non imos declarar zonas tensionadas". Así de explícito respondeu esta quinta feira Alfonso Rueda na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego a unha pregunta de Nós Diario sobre as peticións por parte de concellos como Compostela ou A Coruña a respecto destas zonas. "Se un Concello o pide, valorarémolo", dixo o titular da Xunta, "e se, en todo caso, está ben argumentado, con todo o que ten que ter, todo o que ten que pedir, diremos que si".

Un si que dará o Goberno galego porque "a Lei de Vivenda está aprobada e temos que cumprila", non porque acrediten na necesidade das zonas tensionadas. En todo caso, apuntou Rueda, "até hoxe ningún Concello o solicitou". O Índice de Prezos de Referencia para limitar os prezos do aluguer en áreas tensionadas foi publicado aínda esta semana polo Goberno estatal e non entrará en vigor até 19 de marzo.  "Somos conscientes da suba do aluguer", afirmou, "mais non cremos que esta sexa a solución". O prezo do aluguer subiu de media 8,4% na Galiza en 2023 sendo o incremento máis alto desde 2019.

Máscaras

A preguntas da prensa sobre a petición do BNG de investigar "todos" os contratos de compra de máscaras na pandemia, tamén os da xunta, Rueda acusou os nacionalistas de querer "desviar a atención" e dixo que  as compras de material do Goberno galego están "avaladas" polo Consello de Contas.

Tamén negou Rueda que nestas eleccións galegos o BNG lograse entrar no caladoiro de votantes do PP: "A nós votounos máis xente que nunca",dixo.

Pediatras

O presidente galego anunciou esta quinta feira a resolución do concurso de méritos para adxudicar un total de 70 prazas estábeis de pediatría en centros de saúde considerados de difícil cobertura e en hospitais comarcais. En concreto, a resolución deste concurso de méritos, ao que se presentaron 181 sanitarios, permitirá estabilizar 60 prazas de pediatría en centros de saúde e outras 12 en hospitais comarcais. Tamén anunciou Rueda que hoxe entrarán en vigor os seis concertos sociais acordados con entidades do sector ao longo destes meses en torno á discapacidade e que dispoñibilizarán ao longo dos vindeiros anos 5.000 prazas.

Seis sectores

O Consello da Xunta deu o visto e prace a declarar estratéxicos seis sectores industriais (naval, automóbil, metal, forestal, TIC e loxística)  para iniciar os seus plans directores;  aprobou regular a práctica do 'aviveiramento' (as capturas que os mariñeiros deixaban no mar horas ou días antes de levar á lonxa);  certificou un convenio coas tres universidades galegas para fomentar o emprendemento e destacou o apoio das iniciativas de formación docente entre o profesorado. "O pasado curso, 34.000 docentes asistiron a algún curso", concluíu.

Comentarios