A Xunta desenténdese do conflito do bus malia destinar cada ano 120 millóns de euros a este sector

A conselleira Ethel Vázquez dí que é un conflito "interno".
Protesta ás portas da estación de autobuses de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Folga do sector do transporte por estrada, o pasado 31 de marzo. (Foto: Nicolás Vieites)

A Xunta non moverá ficha para axudar a atopar unha solución no conflito do transporte por estrada, crise que derivou nunha folga na Galiza o pasado día 6 e que segue sen arranxo.  Así o anunciou esta quinta feira durante unha entrevista na Cadena Ser a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que circunscribiu o conflito a unha cuestión entre patronal e persoal.

Porén, a Xunta destina cada ano ao redor de 120 millóns de euros en axudas e subvencións ao transporte interurbano, de aí que desde os sindicatos se insista en todo este tempo na obriga de que a Administración galega tome cartas no asunto. 

Para a conselleira, estase diante dunha cuestión que debe resolver a empresa cos seus traballadores e que nada ten que facer o Executivo galego, ao seu xuízo.

Vázquez tamén botou balóns fóra na presunta repartición do mercado entre Alsa e Monbus após a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que instaba a Competencia a investigar se se repartiron o mercado. Insiste en que "o procedemento de contratación foi "transparente" e asegura que a Xunta actuou correctamente. 

Dilixencias xudiciais

En relación con este tema, o Xulgado Nº1 de Santiago acordou incoar "dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa" contra Ignacio Maestre Saavedra, director xeral de Mobilidade da Xunta desde 2017. O auto implica o inicio agora dunha investigación por mor da denuncia presentada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia (Galibus).

Nós Diario informaba a semana pasada de que a Xustiza admitu a denuncia de Galibus contra Ignacio Maestro, ao que acusan de conivencia con Monbús nas licitacións, por permitir que esta empresa empregase os mesmos autobuses en diferentes concursos.

Comentarios