Parlamento

A Xunta obvia a sentenza do TSXG para defender a súa xestión no transporte

A oposición pide explicacións a Vázquez pola resolución.

A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez. (Foto: Xunta)

A conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez, negou esta cuarta feira no Parlamento que exista conflitividade xudicial no sector do transporte despois da sentenza emitida o pasado mes de marzo polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) na que ordena á Comisión Galega da Competencia investigar os contratos das compañías Monbus e Alsa por indicios de repartirse o mercado de liñas de autobús na Galiza.

"Temos o aval xurídico que lexitima o bo proceder do plan de transporte", asegurou a conselleira no pleno do Parlamento, onde o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde, tamén tivo que responder pola resolución do TSXG que cuestiona o seguimento feito por Competencia na configuración do mapa de concesións do transporte público por estrada.

Neste sentido, en resposta a unha pregunta oral eo deputado Pablo Arangüena (PSdeG), o 'número dous' do Goberno incidiu en que a sentenza "non é firme", polo que pediu "prudencia" á hora de analizala, xa que as empresas sinaladas, Monbus e Alsa, avanzaron a súa intención de presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Imputación

O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos, acusou Ethel Vázquez de ser a "máxima responsábel" de todas as irregularidades cometidas polas empresas beneficiarias do servizo do transporte público galego.

Cualificou de "chanchullos" da Consellaría as irregularidades denunciadas e de non asumir os expedientes sancionadores do TSXG, ao que sumou a apertura de "dilixencias previas" por indicios de "prevaricación administrativa" do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestre. A Xunta de Galiza, recalou, "é a titular do servizo que destina 120 millóns de euros cada ano nas concesións de transporte"

Pola súa parte, Arangüena denunciou o "moi mal funcionamento" da Comisión Galega da Competencia que fai que "infrinxir a lexislación de competencia sexa completamente gratis" na Galiza.

Comentarios