A Xunta estima que a Galiza lle faltan entre 100 e 260 millóns de fondos da UE

O reparto dos fondos ignora criterios como a o avellentamento ou a dispersión poboacional da Galiza, que encarece a prestación de servizos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareceu ante os medios após o último Consello da Xunta de 2020.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareceu ante os medios após o último Consello da Xunta de 2020. (Foto: Nós Diario)

O reparto entre as comunidades autónomas dos fondos europeos de recuperación React-EU fíxose de maneira centralizada no Estado e seguindo criterios uniformes para todo o territorio español, dando as costas ás diferentes realidades dos pobos. Estas cuestións espertaron xa fortes rexeitamentos nas comunidades máis desfavorecidas pola distribución dos fondos, xa que practicamente a metade dos recursos van parar a tan só tres autonomías: Andalucía, Catalunya e Madrid. 

Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o feito de que a Galiza fique con 440 millóns de euros (4,4% de todo o fondo) é unha mostra de que o Goberno español empregou "criterios políticos" e non obxectivos á hora do reparto. Feixoo estima que a Galiza tería que recibir 100 millóns máis de facerse o reparto seguindo as recomendacións da Unión Europea (UE) para a distribución de fondos entre rexións, e mesmo 260 millóns por riba de repartirse seguindo o sistema de financiamento autonómico español. 

Así se expresou esta terza feira, 29 de decembro, o mandatario galego en rolda de prensa ao finalizar a última reunión do Consello da Xunta de 2020.

En contra dun reparto centralizado dos fondos e de non atender as particularidades galegas xa se postulara o Bloque Nacionalista Galego (BNG), opóndose a unha "repetición" dos "vellos esquemas dos Gobernos españois que prexudican Galiza priorizando criterios como o peso poboacional sen ponderalos con outros que inflúen nos custos e no benestar". De facto, o Bloque criticou que non contasen factores como a dispersión poboacional -que encarece a prestación de servizos- nin o envellecemento ou a fenda dixital. 

Pola contra, o reparto imita o modelo de distribución que realizou a UE entre os Estados membros, baseándose en tres indicadores: o impacto da pandemia na riqueza de cada comunidade autónoma (pesa 2/3 partes do reparto total), o impacto da crise no desemprego (conta 2/9) e, por último, o impacto da crise no desemprego xuvenil (1/9). 

O presidente da Xunta cargou contra Pedro Sánchez polo reparto e sinalou que favoreceu Catalunya fronte Galiza para manter a maioría parlamentar. Porén, esqueceu que Madrid e Andalucía, ambas gobernadas polo PP con Ciudadanos e o apoio de Vox, son a primeira e a terceira comunidade que máis fondos reciben.

Criterios semellantes, en función do número de habitantes e non do custo dos servizos por distribución e características poboacionais, xa prexudicaron Galiza estes meses no reparto de fondos Covid estatais.

Así, ao primaren aspectos como o número de ingresos en unidades UCI ou o número de probas PCR realizadas, do total de 16.000 millóns do Estado para as autonomías, Galiza fica con  735 millóns, quedando en sétimo posto por detrás de comunidades como Madrid (3.346 millóns) e Catalunya (3.166 millóns). 

Axudas pre e posdoutorais

Após o Consello da Xunta, Feixoo anunciou a convocatoria de axudas de formación predoutoral e posdoutoral. En total, serán 17,65 millóns de euros -5% máis que o ano anterior- para 102 contratos  predoutorais e 73  posdoutorais.

Supón "a maior convocatoria" até o momento, dixo Feixoo sobre estas convocatorias que chegan tarde e logo de meses de críticas á Xunta desde o sector da investigación ante a falta de axudas. 
 

O Goberno prórroga a tarxeta básica até xuño do ano que vén 

Após o último Consello da Xunta de 2020, Alberto Núñez Feixoo resaltou a aprobación da prórroga da Tarxeta Básica -posta en marcha hai seis meses- até o 30 de xuño de 2021, para axudar "as persoas que máis o necesitan na compra de produtos básicos" no contexto da crise. O presidente salientou que, desde a súa implantación, xa se emitiron máis de 16.000 tarxetas, beneficiando 30.000 persoas, cun importe entre 150 e 300 euros mensuais.

Por outra banda, este 29 de decembro deuse luz verde a unha partida de 18 millóns de euros para manter a gratuidade da matrícula de segundas crianzas e sucesivas en escolas infantís privadas e de iniciativas sociais. Esta gratuidade aplícase tamén, de forma directa, nas públicas.

En concreto, a Administración galega disporá de até 10,6 millóns de euros para o funcionamento e a gratuidade das escolas infantís privadas.

As directrices da paisaxe entran en vigor en 2021

O Consello da Xunta aprobou o Decreto das Directrices da Paisaxe, que entrará en vigor en 2021. O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, explicou que se inclúen normas obrigatorias e unha listaxe de recomendacións que se deberán "integrar en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo na Galiza”. 

Así, por exemplo, as infraestruturas enerxéticas -tendidos e redes- deberán ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos; nas áreas de especial interese paisaxístico -113 na Galiza- só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina "se é rigorosamente xustificada e sen impacto", dixo o presidente; e as pontes de máis de 50 metros han de cumprir un grao de "esvelteza" e estar integradas na paisaxe. 

Especies autóctonas

Nas 113 zonas de alto interese paisaxístico, así como nos plans de ordenación forestal, estarán limitadas as plantacións de eucaliptos e a "norma" será a priorización de especies autóctonas sobre as invasoras. Ademais, en espazos naturais protexidos primará a rexeneración de zonas que sufrisen impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares.

Así mesmo, será obrigatorio retirar os carteis e demais sinais de obras e actuacións públicas unha vez termine o prazo de financiamento. A modo de exemplo, o presidente mencionou os paneis que en ocasións as administracións deixan nos lugares unha vez finalizados os traballos. "Agora haberá que sacalos, empezando pola comunidade autónoma", prometeu.

En relación ao Camiño de Santiago, estabelécese que, a menos de 500 metros de ambas beiras dos itinerarios, calquera cambio das actividades agroforestais deberá constar de "xustificación".
 

Comentarios