mércores 23/09/20

A Xunta Electoral Central rexeita suspender as eleccións na Mariña

Considera que hai condicións de seguridade "acaídas".

Simulacro de votación nunha mesa electoral  (Xunta)
Simulacro de votación nunha mesa electoral (Xunta)

A Xunta Electoral Central ( XEC) rexeitou suspender as eleccións galegas do domingo na comarca da Mariña porque entende que, malia o brote de coronavirus, as medidas adoptadas garanten "condicións acaídas" para realizar a votación.

Tanto Marea Galeguista como Galicia En Común recorreran ante a XEC a decisión da Xunta Electoral de Galiza avalando o proceso electoral a pesar da pandemia, pero na súa resolución, acordada esta quinta feira e á que tivo acceso Europa Press, o máximo organismo electoral considera que "nestes precisos momentos debe entenderse que as medidas adoptadas pola Administración garanten unhas condicións adecuadas de circulación para poder acudir a votar, coa condición de segmentos reducidos de poboación, por motivos sanitarios suficientemente xustificados".

Neste sentido, e avalando a decisión da Xunta Electoral galega, a XEC conclúe que "a autoridade sanitaria estableceu unhas condicións acaídas para garantir o dereito á saúde dos votantes, así como o das diferentes persoas que interveñen ao longo do proceso electoral".

En canto á petición de habilitar de forma urxente o voto por correo de forma extraordinaria, a Xunta Electoral considera que na Mariña "non concorren as mesmas circunstancias que permitirían aplicar as medidas de voto por correo que foron arbitradas polo Tribunal Supremo (Sala Terceira) no seu Auto do 8 de novembro de 2019", cando se permitiu votar por correo aos policías españois que estaban despregados en Cataluña sen poder volver ao seu domicilio.

O acordo da XEC é firme en vía administrativa e contra o mesmo só cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo no prazo de dous meses desde a súa notificación, conforme ao disposto na Lei de Xurisdición Contencioso-Administrativa.

comentarios