O Consello da Xunta da Galiza non aprobou axuda algunha para o sector marisqueiro

O sector marisqueiro deberá seguir agardando polas axudas prometidas polo Goberno galego e avanzadas na cuarta feira pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Alfonso Rueda ao remate do Consello da Xunta esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda ao remate do Consello da Xunta esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).

O Consello da Xunta da Galiza desenvolvido na xornada nesta quinta feira non aprobou ningunha compensación para os mariscadores e mariscadoras das rías galegas que levan máis dun mes parados por falta de actividade.

A finais de decembro, a Consellaría do Mar comprometeuse a pór en marcha unha orde de axudas para compensar os milleiros de mariscadoras e mariscadores obrigados a cesar na súa actividade pola ausencia de produción nas rías galegas. Este escenario ten levado a unha situación límite unha parte do colectivo, que nalgúns casos leva máis de un mes sen ningún ingreso e noutros subsiste co diñeiro procedente do subsidio de desemprego.

A pasada cuarta feira, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores anunciou que a Xunta da Galiza preparaba unha liña de axudas por unha contía total de 4 millóns de euros para os 7.000 mariscadores e mariscadoras. Neste sentido concretaba que o Goberno galego ía achegar a cada un dos profesionais do sector do marisqueo unha contía de 550 euros para sufragar as cotas correspondentes a dous meses da Seguridade Social. Ao tempo, apuntaba que se preparaban diversas compensacións para as confrarías e organizacións profesionais para paliar a ausencia de ingresos.

O Consello da Xunta da Galiza  rematou sen que se aprobara ningunha axuda para o sector. Neste sentido, as fontes da Consellaría de Mar consultadas por Nós Diario sinalaron que o Goberno galego non fará efectiva ningunha medida compensatoria até o mes de abril. A este respecto, indican que as subvencións a cargo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Fempa) para financiar as paradas temporais non se cobrarán até o mes de verán.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou ao remate na reunión do Consello da Xunta subvencións por 6,3 millóns para compensar a industria conserveira polo incremento dos custos de produción derivados da alza dos prezos. Ao tempo, confirmou a declaración como Iniciativa Empresarial Prioritaria do proxecto promovido pola enerxética Greenalia e a multinacional alemá P2X-Europe para fabricar no parque empresarial de Teixeiro, en Curtis, hidrocarburos sintéticos.

O mandatario galego deu tamén conta da aprobación dun plan de axuda para as Pemes por unha contía de 30 millóns de euros até 2026 para “promover proxectos empresariais de certa envergadura”. Neste sentido, indicou que da orde de subvencións poderán beneficiarse arredor “unha vintena de iniciativas” que "garantan a creación de 25 empregos indefinidos a tempo completo”.

Control de enfermidades

Alfonso Rueda informou da decisión do Consello da Xunta de crear un Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades co obxectivo de “poder adiantarse a novas epidemias e problemas de saúde pública relevantes”. Na mesma liña, porase en marcha a Rede galega de vixilancia das infeccións e de microbioloxía en saúde pública, así como “as redes sentinela de vixilancia en oficinas de farmacia”.

Comentarios