18-F

O PP volve incumprir a lei e a Xunta Electoral ordena retirar unha nova campaña

Un vídeo difundido en redes sociais polos populares explicaba o procedemento para votar por correo e camuflaba críticas á oposición, polo que a Xunta Electoral entende que estaba a facer campaña antes do seu comezo oficial.
Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa do PP. (Foto: Europa Press)

A Xunta Electoral da Galiza estimou parcialmente unha denuncia do PSdeG e ordenou ao PP a "retirada inmediata" de redes sociais dun vídeo de captación de voto que, segundo o órgano, pretende "camuflar" como "informativo" a pesar de incluír "frases electoralistas" e supor implicitamente "unha chamada" a apoiar aos populares nas urnas o 18 de febreiro, o que contravén a normativa electoral, pois aínda non se iniciou a campaña. O acordo, con data desta mesma terza feira e ao que tivo acceso a axencia Europa Press, determina que existe unha infracción electoral e ordena que se retiren as publicacións denunciadas que "non se limiten a informar do procedemento para exercer o voto por correo", sen que, unha vez ponderadas as circunstancias que concorren, proceda a incoación de expedientes sancionadores.

O 12 de xaneiro os socialistas presentaron denuncia contra o PP solicitando a retirada inmediata dunha publicación de captación de voto en varias redes sociais e a prohibición do seu uso a través de calquera canle, así como a imposición das sancións que determinase a lei electoral. Fundamentaban a súa petición coa transcrición do texto dun vídeo publicado en redes sociais polos populares entre as que se incluían frases como: "Teñen diferentes S.I.G.L.A.S., pero detrás delas está o mesmo ruído e Pedro Sánchez", "pero o 18 de febreiro escolle confianza, confía na Galicia que non para!", así como o uso do logotipo da Xunta da Galiza.

Desde o PSdeG, entre outros argumentos, incidían en que 'Galicia non para!' é un dos lemas utilizados polo Partido Popular na precampaña de cara ao 18-F, polo que entendía que a publicación supón "unha clara infracción da prohibición de levar a cabo campaña electoral nun período temporal expresamente prohibido".

A Xunta Electoral considera que "se pretende camuflar como un anuncio informativo e de promoción do dereito ao sufraxio" ao difundir o procedemento de solicitude de voto por correo unha publicación na que se inclúen frases "que teñen un claro carácter electoralista, o que xunto co lema e siglas empregadas polo PP, unido á imaxe da Xunta, facilmente permite asociar visualmente ambos os elementos".

Para o órgano electoral, isto dá a entender "implicitamente" que se trata dunha chamada ao voto a favor do PP. Tamén constata que o contido impugnado ten "poder persuasivo", desenvolveuse nas redes sociais e, por tanto, "debe ser integrado dentro da categoría de campaña electoral, e non pode ser considerado actividade ordinaria dun partido".

Así, acorda estimar parcialmente a denuncia ao interpretar que "excede da mera explicación do procedemento para votar por correo, podendo supor unha indución ao voto dos electores" e presentando "connotacións electoralistas" vetadas até o inicio legal da campaña.

Carteis

Xa na pasada xornada transcendera que a Xunta Electoral tamén ordenou ao PP que retire unha campaña contra a oposición difundida en distintos soportes publicitarios na vía pública tras unha denuncia presentada igualmente polo PSdeG. Nestes carteis podían lerse mensaxes como 'Se cres que a carta aos Reis dos nenos é demasiado longa, imaxina como será a de Puigdemont' ou 'Se na familia vos levades como PSOE, Sumar, Podemos, EU, BNG e Anova, lembrade que nas festas non é obrigatorio falar de política'.

Arquivada outra denuncia do BNG

Por outra parte, a Xunta Electoral informou hoxe do arquivo dunha denuncia formulada polo BNG o pasado 11 de xaneiro contra a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta e contra o PP por difusión de publicidade electoral promocionada a través do seu perfil oficial de Instagram. Fundamentaba a súa petición en que Emigración promocionou publicidade sobre a convocatoria de bolsas para realizar un máster dirixidas a mozas que vivan no exterior tanto na web institucional do departamento como na rede social.

Ditas publicacións acompañábanse de imaxes e, nunha das fotos aparecía o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cun grupo de mozos publicitando ditas bolsas, polo que os nacionalistas entendían que se infrinxía a normativa electoral. Tras coñecer a denuncia, segundo relata a Xunta Electoral, a Xunta comunicou a retirada das imaxes denunciadas das redes sociais e da web institucional do departamento de Emigración.

Nesta conxuntura, o órgano regulador electoral determina que os anuncios en si "deben ser entendidos como campaña informativa", polo que non os ve contrarios á lexislación electoral. Con todo, aclara que a foto de Rueda "resulta innecesaria para a consecución do fin pretendido", a máxima difusión da convocatoria das bolsas entre os seus destinatarios.

En todo caso, "tendo en conta a retirada que voluntariamente" fixo a Xunta das "fotos controvertidas" tan pronto se tivo coñecemento da denuncia, a Xunta Electoral entende que non procede adoptar ningunha outra medida, polo que opta polo arquivo.

Comentarios