A Xunta defende os contratos de 1,2 millóns adxudicados en funcións a prensa de fóra: "Fíxose sempre"

O BNG preguntou no Parlamento por unhas adxudicacións que cualifica de "irregulares"
Alfonso Rueda decidiu integrar a carteira de Turismo na Presidencia para "pór en valor" o Xacobeo. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda decidiu integrar a carteira de Turismo na Presidencia para "pór en valor" o Xacobeo. (Infografía: Nós Diario)

Entre o pasado 2 e 5 de maio, cun Goberno galego en funcións, a Xunta adxudicou cinco contratos privados por un importe total de 1,2 millóns de euros con medios de fóra da Galiza. Uns contratos, afirmou esta cuarta feira no Parlamento o deputado do BNG Iago Tabarés na súa pregunta ao Executivo galego sobre estas adxudicacións "a dedo, sen publicidade nin concorrencia competitiva". Unhas circunstancias, denunciou o parlamentar nacionalista, na que "unha única empresa era convidada a participar en cada un dos cinco procedementos". O BNG considera que hai razóns para sospeitar de "irregularidades" neste proceso de adxudicación.

Para a Xunta, porén, non hai nada criticábel nin obxectábel nesas adxudicacións "a dedo", e así o defendeu o vicepresidente segundo, Diego Calvo, encargado de dar resposta á pregunta de Iago Tabarés.

"Estes contratos de patrocinio fixéronse sempre, durante anos, fanse agora e vanse seguir a facer", manifestou Calvo. "Son legais", aseverou, lembrando que contaron cos informes favorábeis da asesoría legal da Xunta.

"Resulta sorprendente a tan concentrada utilización dun procedemento de adxudicación que, pola súa falla de transparencia e obxectividade, debe ser utilizado con carácter restritivo e que a Xunta de Galiza co Presidente en funcións [Alberto Núñez Feixoo] empregou, sen xustificación abonda, para adxudicar contratos por un importe superior ao millón de euros", criticou o BNG. 

A adxudicación de contratos privados "de patrocinio publicitario para a promoción do turismo da Galiza con empresas" de fóra da Galiza faise nuns momentos nos que o "Goberno non ten competencias para iso" por estar en funcións, criticou Tabarés. Calvo, pola súa parte, situou as críticas do BNG "na oposición" da formación ao Xacobeo. "Opóñense a todo o que beneficie o Xacobeo", sinalou.

"A dedo"

Tal e como publicou Nós Diario o pasado 18 de maio, os días 2, 5 e 6 dese mes a Axencia de Turismo da Galiza adxudicou senllos contratos privados de patrocinio publicitario para a promoción do Ano Xacobeo 2021-22 aos principais grupos de comunicación do Estado español. Estas licitacións directas, que non contaron cun procedemento de convocatoria pública, ascendían a máis de 1,2 millóns, isto é, unha contía superior á liña de axudas da Xunta á prensa escrita e que supón sete veces o que destina aos medios en lingua galega, menos de 200.000 euros.

Comentarios