Podemos solicita investigar os contratos que a Xunta adxudicou en funcións a grandes grupos de comunicación madrileños

Desde que Feixoo renunciou como presidente da Xunta a 30 de abril e até que se nomeu o novo Goberno galego, a 14 de maio, a Xunta outorgou decenas de adxudicacións públicas, entre elas, licitacións para publicidade institucional que contraveñen a normativa vixente, sinala Unidas Podemos. Segundo a Lei de transparencia e bo goberno, o presidente en funcións non poderá “adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente” nin “adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros”.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, seguindo a directora xeral de Medios, Mar Sánchez. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, seguindo a directora xeral de Medios, Mar Sánchez. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

Unidas Podemos solicitou á Comisión Mixta para as súas relacións co Tribunal de Contas a realización dun informe de fiscalización dos contratos "a dedo" do actual presidente do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, a grupos de comunicación estatais "após renunciar como presidente da Xunta da Galiza" e mentres "preparaba a súa chegada á dirección do Partido Popular".

Segundo explica UP, "desde que Feixoo renuncia como presidente o 30 de abril de 2022 e até que se nomea o novo Goberno da Galiza, o 14 de maio, a Xunta outorgou decenas de adxudicacións públicas, entre elas, licitacións para publicidade institucional que contraveñen a normativa vixente".

A formación fai referencia ao artigo 50 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno sobre a Actuación do Goberno da Xunta en funcións, que recolle que o presidente en funcións non poderá “adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente” nin “adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros".

Pese a isto, o Goberno galego adxudicou durante ese período de transición contratos que superan amplamente ou mesmo chegan a duplicar esa cantidadade de 150.000 euros. En concreto, o Executivo galego adxudicou 200.000 euros ao grupo Vocento (ABC e 13TV); 300.000 euros a Radio Popular S.A (Cadena Cope); 200.000 euros ao grupo Prisa (El País e Cadena Ser); 300.000 euros a Audiovisual Española 2000 (Atresmedia e La Razón) e 200.000 euros a Unidade Editorial (El Mundo).

Sen cumprir requisitos de transparencia

Outro dos aspectos denunciados por Unidas Podemos no seu escrito é que esta convocatoria "non respecta os requisitos de transparencia e equidade dunha convocatoria pública aberta", debido a que foron tramitados polo procedemento negociado sen publicidade por exclusión, "o que tamén incumpriría a normativa actual".

O deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino alegou que “Feixoo preparou a súa chegada a Madrid á custa dos cartos dos galegos e as galegas”.

“Estes feitos non nos estrañan xa que durante os seus trece anos de mandato regou con grandes cantidades de diñeiro os medios de comunicación coa escusa de promover a lingua galega, con todo, os medios que reciben as maiores cantidades non escriben practicamente en galego”, sostén.

“Foron dedazos e esperamos que o informe do Tribunal de Contas aclare se Feixoo saltou a lei para seguir maquillando a súa imaxe de bo xestor”, concluíu Gómez Reino.

Comentarios