Rueda 'rega' con 1,44 millóns de euros do Xacobeo a prensa de fóra da Galiza

Unha reportaxe en 'Antena 3', un programa radiofónico de Carlos Herrera ou anuncios en 'ABC' e '13TV' son algunhas das accións publicitarias que Turismo da Galiza, entidade dependente en última instancia de Alfonso Rueda, promoverá a través de contratos privados cos fondos do Xacobeo 2021-22. Os beneficiarios son os principais grupos mediáticos do Estado español e a contía total destes patrocinios multiplica por sete as subvencións a medios en lingua galega.
Alfonso Rueda decidiu integrar a carteira de Turismo na Presidencia para "pór en valor" o Xacobeo. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda decidiu integrar a carteira de Turismo na Presidencia para "pór en valor" o Xacobeo. (Infografía: Nós Diario)

O pasado 3 de maio a empresa editora de Nós Diario, Sermos Galiza S.A., recibía a resolución da Secretaría Xeral de Medios que excluía esta publicación, por segundo ano, da liña de axudas á prensa escrita, cunha contía total de 1,255 millóns de euros. Esa convocatoria requiría dos medios solicitantes que utilizasen a lingua galega "como mínimo en 10% do total da súa información", así como que realizasen a súa actividade informativa "orientada a alentar a defensa da identidade da Galiza".

Esa mesma semana, os días 2, 5 e 6, a Axencia de Turismo da Galiza adxudicou senllos contratos privados de patrocinio publicitario para a promoción do Ano Xacobeo 2021-22 aos principais grupos de comunicación do Estado español. Estas licitacións directas, que non contaron cun procedemento de convocatoria pública, ascenden no seu conxunto a 1,44 millóns, isto é, unha contía superior á liña de axudas da Xunta á prensa escrita e que supón sete veces o que destina aos medios en lingua galega —perto de 200.000 euros—.

O departamento de Turismo dependía durante o Goberno de Alberto Núñez Feixoo da Vicepresidencia Primeira, que ostentaba o actual presidente, Alfonso Rueda. Aliás, após tomar posesión decidiu integrar esta carteira na Presidencia co obxectivo de "realzar o carácter transversal" do Xacobeo e dar pulo nun ano "decisivo para a Galiza".

Medios que incumpren a Lei de normalización

O grupo Audiovisual Española 2000 S.A. recibiu 300.000 euros para promover o Ano Santo a través do programa 'Deixa a túa pegada en Galicia', con diferentes accións publicitarias en Antena 3, La Razón e Onda Cero.

A mesma contía foi adxudicada a Radio Popular S.A. Cadena de Ondas Populares Españolas, propietaria de 13TV e Cadena COPE, nun contrato que busca difundir a iniciativa 'Debates no camiño' e que inclúe a emisión desde a Galiza dos programas radiofónicos de Carlos Herrera e Ángel Expósito.

Unidad Editorial S.A., pola súa parte, obtivo 200.000 euros para El Mundo, Marca, Expansión e Telva, nun programa que leva por nome 'Experiencia Camiña a Galicia', e un montante idéntico foi parar a Prisa Media S.L., a través do xornal El País e a Cadena SER, para promover 'O camiño dos sentidos'.

Outros 200.000 euros dos fondos do Xacobeo foron asignados a Comercial Vocento SAU para facer publicidade do evento 'Experiencia do Camiño en primeira persoa' en ABC e mais o seu suplemento XL Semanal.

Cómpre lembrar a respecto destas adxudicacións que a Lei de normalización lingüística da Galiza estabelece, no seu artigo 19, que o Goberno galego "prestará apoio económico e material aos medios de comunicación non incluídos no artigo anterior [artigo 18, sobre os medios de titularidade pública] que empreguen o galego dunha forma habitual e progresiva".

Malia que a lingua propia do país brilla pola súa ausencia na meirande parte dos medios obxecto destas licitacións 'a dedo', Turismo avoga por patrocinar o Xacobeo e a propia Galiza a través destes medios, nos que é habitual ver topónimos deturpados como 'Sangenjo' ou 'Orense', algo que contravén o disposto no artigo 10 da Lei de normalización.

Por outra parte, Turismo destina outros 240.000 euros a promover o Ano Xacobeo en medios de comunicación dixitais de alén do Estado español, unha convocatoria que aínda non foi resolta dado que neste caso si se trata dun procedemento aberto.

Os Orzamentos de 2022 recollen unha partida total de 85,8 millóns de euros destinada a sufragar todos os programas vencellados co Xacobeo, dos cales 65,8 millóns proceden da Axencia de Turismo da Galiza. Alén destes 1,44 millóns de euros para diferentes medios de comunicación de fóra da Galiza, a axencia dedicou até o momento, e desde o pasado xaneiro, outros 1.549.560 euros a accións de promoción e patrocinio relacionadas co Ano Santo.

Comentarios