Entrevista

Xosé Manuel Golpe (BNG): "Galiza, como produtora excedentaria, debería ter peaxes eléctricas máis económicas"

O BNG pon o foco no debate enerxético para este inicio de lexislatura. Esta mesma semana a formación rexistrou no Parlamento dúas proposicións de lei que perseguen dotar o país de maiores competencias para estabelecer unha tarifa eléctrica propia e constituír unha empresa pública de enerxía. 'Nós Diario' conversa co deputado Xosé Manuel Golpe (Irixoa, 1972), experto en enerxía, sobre estas iniciativas.
O deputado do BNG e experto en materia enerxética Xosé Manuel Golpe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG e experto en materia enerxética Xosé Manuel Golpe. (Foto: Nós Diario)

—Por que precisaría Galiza unha tarifa eléctrica diferenciada do resto do Estado?
Esta proposición consistiría nunha modificación da Lei 24/2013 do Sector eléctrico para poder ter peaxes distintas en función de se unha comunidade autónoma é excedentaria [de enerxía eléctrica] ou non. Galiza exportou o pasado ano 42% da electricidade producida, polo que deberiamos ter unhas peaxes na rede máis económicas que, por exemplo, Madrid e Euskadi, que teñen que importala.

—En que beneficiaría isto ás e os consumidores galegos?
A iniciativa parte da ILP que a CIG levara hai anos ao Parlamento, e que estimaba un aforro medio de arredor de 6% nas peaxes e de entre 3 e 3,5% na factura total. Mais aquel era un estudo máis ríxido, e agora, coa nova proposta que traemos, facendo un cálculo rápido que naturalmente podería variar, estimamos que o aforro na factura das persoas consumidoras podería ser de até 6 ou 7%.

Logo tamén buscamos modificar o artigo 2 da Lei do Sector eléctrico para definir a enerxía eléctrica como un ben público esencial e, a raíz disto, traballar nun desenrolo lexislativo amplo de cara a protexer á cidadanía loitando contra a vulnerabilidade enerxética.

—E falan tamén de conseguir máis competencias.
O que pretendemos é dar maiores competencias ás autonomías, eliminando tamén a premisa da 'tutela' estatal na tramitación dos proxectos de xeración enerxética de potencia superior a 50 megawatts, para que Galiza poida tramitalos e sexa así quen guíe as súas políticas de planificación.

E sería preciso tamén modificar o actual mercado eléctrico, que, como todo mercado marxinalista, a nivel teórico funciona, pero na práctica vemos que perto de 90% da xeración corresponde a cinco grandes compañías: Endesa, Naturgy, EDP, Iberdrola e Repsol. Se o mercado estivese máis atomizado si habería competencia e un custo marxinal máis baixo, pero non é así. Por iso o que pretendemos é voltar ao modelo de 1987, co obxectivo de dar estabilidade aos prezos a longo prazo.

—Outra das propostas do Bloque é crear unha empresa pública de enerxía. Cal sería o seu cometido?
Sería unha empresa con capital 100% público que podería dar entrada aos concellos e que participaría no accionariado e desenvolvemento de diferentes proxectos enerxéticos. E os seus beneficios redundarían directamente no erario público, polo que sería un eixo fundamental da transición enerxética, aumentando os puntos de recarga eléctrica, as hidroliñeiras, os biocombustíbeis...

Desta matriz partiría outra empresa que comercializaría a enerxía ofrecendo tarifas especiais para persoas en situación de vulnerabilidade e completando o bono social, entre outras cuestións. Tamén se apostaría por mellorar a rede de distribución, sobre todo nas zonas nas que se sofren máis apagamentos.

Comentarios