Parlamento

O BNG estrea lexislatura propondo un novo modelo enerxético no país

Tarifa eléctrica galega e empresa pública de enerxía.
Noa Presas, Ana Pontón, Xosé Manuel Golpe e Ramón Fernández, esta cuarta feira, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
photo_camera Noa Presas, Ana Pontón, Xosé Manuel Golpe e Ramón Fernández, esta cuarta feira, no Parlamento galego. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta cuarta feira no Rexistro do Parlamento galego as primeiras iniciativas coas que a formación nacionalista abre a XII Lexislatura, dúas proposicións de lei que perseguen "un cambio de modelo enerxético que poña fin aos privilexios das eléctricas e coloque a riqueza eléctrica do país a favor das familias e o tecido produtivo galego".

Segundo trasladou Pontón, o BNG busca facer da enerxía un ben público "ao servizo da maioría social, cun modelo que sexa xusto socialmente e que impulse a economía".

Nesta liña, a formación nacionalista propón no arranque deste novo período parlamentario un "grande acordo de país" cara a un novo modelo enerxético que o BNG articula arredor de dous piares: unha empresa pública de enerxía e mais unha tarifa eléctrica galega.

Así, unha das iniciativas, a remitir ao Congreso español de ser aprobada na Cámara galega, reclama para a Galiza máis competencias e unha tarifa eléctrica galega, que "será máis barata para compensar o país polos custos sociais e ambientais da produción eléctrica". Unha tarifa da luz máis baixa, sostivo Pontón, "non só aliviará os custos enerxéticos das familias, senón que será un revulsivo económico de grande impacto que nos permitirá ser máis competitivos e crear emprego e riqueza na Galiza". 

Empresa pública 

A segunda das proposicións rexistradas onte polo BNG busca crear unha empresa pública de enerxía, "como xa teñen Italia, Francia, Noruega ou Suecia". Unha empresa que, segundo destacou a portavoz do BNG, supón "un cambio de paradigma que consiste en situar a enerxía e os recursos enerxéticos como bens públicos ao servizo do país fronte ao negocio privado e especulativo dunha presa de multinacionais". Esta empresa pública abranguería a produción eléctrica renovábel, actuacións en materia de eficiencia, xestión e aforro enerxético; a creación de comunidades enerxéticas ou a innovación neste eido.

Comentarios