Que modelo enerxético precisamos?

As comunidades enerxéticas locais como alternativa

Xosé Manuel Golpe Acuña, consultor enerxético, amplía o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.
(Ilustración: Álex Rozados).
photo_camera (Ilustración: Álex Rozados).

Nestes tempos de belicismo e inestabilidade, sobre todo nos mercados enerxéticos, quero cambiar o discurso negativista (ou realista) para meter dentro das variables algo do que o noso pobo pode presumir. Resiliencia.

O actual contexto enerxético deixa o consumidor doméstico, tanto de electricidade como de produtos de combustión aos pés dos cabalos. Non é doado achar unha saída, mais haina: comunidades enerxéticas locais e autoconsumo.

Comunidades enerxéticas

As comunidades enerxéticas locais, ou comunidades locais de enerxía renovable, son entidades que están a ser proporcionadas dende a Unión Europea a través de diversas directivas, e recollidas dentro do ordenamento xurídico español, de xeito breve no Real Decreto-lei 23/2020. Estas comunidades non son máis que un grupo de persoas, empresas e incluso institucións públicas que se xuntan para, baixo un modelo de participación aberto, voluntario e igualitario, desenvolver proxectos que teñan a ver coa enerxía.
Dende crear proxectos de xeración de enerxía renovable, participar na xestión técnica dos mercados, almacenar e distribuír enerxía; ata traballar na eficiencia enerxética de vivendas, tanto na súa climatización como na mellora das condicións da envolvente térmica, o campo de actuación é inmenso.

Dado que actualmente no contexto lexislativo no que nos movemos non temos certezas nin regulación específica para esta nova figura de comunidade enerxética, os proxectos que están botando a andar na actualidade regúlanse, segundo a conveniencia, baixo dúas figuras xurídicas diferentes, a asociación e a cooperativa.

Cada unha destas figuras presenta unha serie de vantaxes e de inconvenientes, que poderíamos resumir de xeito moi amplo en que para comunidades que non vaian desenvolver grandes promocións, a figura asociativa é válida, pero cando xa temos grandes proxectos de xeración, a cooperativa achega unha serie de vantaxes fronte á asociación. 

Esta dúas figuras xurídicas recollen todos e cada un dos requisitos que se citan tanto nas directivas europeas como no RDL 23/2020, principalmente a participación aberta e voluntaria e a toma de decisións democrática, sen votos de calidade.
Dentro do noso país, temos outra figura interesante, que cumpre cos principais requisitos das comunidades enerxéticas, pero que carece de personalidade xurídica, as comunidades de montes, non me estendo neste asunto, que xa foi tratado nun excelente artigo neste mesmo medio por Xosé Alfredo Pereira, no que o autor cuestiona que non se recoñeza que as comunidades de montes poidan exercer como comunidades enerxéticas, cando realmente algunha delas xa o están a facer dende hai anos.

O actual contexto enerxético deixa a persoa consumidora de electrici-dade e de produtos de combustión aos pés dos cabalos

Agora que tanto se fala de dinamizar o rural, as comunidades de montes poden xogar un papel moi importante no eido enerxético, creando un novo servizo de alto valor engadido, e mesmamente poñendo ao servizo dos veciños os recursos enerxéticos do monte galego, incluso bloqueando megaproxectos foráneos ameazantes para o territorio e para as persoas.

Como calquera outra iniciativa de carácter social, fai falla un axente dinamizador que agrupe o colectivo para pór en marcha unha comunidade enerxética. En ocasións este axente dinamizador é unha entidade existente, como pode ser unha asociación de veciños, unha comunidade de montes ou mesmamente unha asociación medio ambiental.

O proceso para montar e pór en marcha unha comunidade enerxética non é algo sinxelo, polo que todo tipo de iniciativa precisa de asesoramento legal e técnico.

Algúns exemplos

Na Galiza agora mesmo existen varios exemplos de comunidades enerxéticas, nadas das máis diversas casuísticas. Como xa mencionei antes, as comunidades de montes son fortes dinamizadores, por iso temos dous exemplos de comunidades enerxéticas vencelladas a estas en Tameiga (Mos) e Buchabade (Ponte Caldelas). Hai outro exemplo que nace a través dunha asociación medio ambiental, como é o caso de Arousa en Transición, na Illa de Arousa.

Todos e cada un destes exemplos recollen unha idiosincrasia diferente, aínda que contan con metodoloxía e procedementos que se poden extrapolar a calquera outra futura comunidade enerxética do noso país.

Estes tres exemplos están a desenvolver os primeiros proxectos de xeración eléctrica, baixo o modelo de autoconsumo compartido. Escóllese este modelo dado que presenta unha serie de vantaxes administrativas fronte a outros sistemas de xeración neta. Tamén complementan estes proxectos piloto iniciativas no senso da mobilidade eléctrica, como a instalación de puntos de recarga para vehículos, e acordos de comercialización con compañías do sector, que acheguen beneficios sociais aos participantes dos proxectos que teñan máis dificultades económicas.

En definitiva, unha comunidade enerxética non é máis que unha volta ás orixes, onde a colaboración de todo un grupo social traballa para un fin enerxético común. Non é nada máis nin nada menos que o que a sociedade rural e mariñeira galega fixeron perante varios séculos para subsistir e progresar. Agora a isto dámoslle un novo nome, resiliencia.

Comentarios