Entrevista

Xosé L. Penas, deputado da Deputación da Coruña: "As cláusulas de xénero deben ser unha prioridade nos pregos de contratación pública"

Os días 1 e 2 de abril a Deputación da Coruña organiza no Teatro Colón o II Congreso de Contratación Pública: por unha contratación máis áxil, eficaz, en igualdade e sostíbel. Ás portas destas xornadas, 'Nós Diario' conversa co seu director, Xosé Lois Penas, deputado de Contratación Patrimonio e Equipamento.
Xosé L. Penas dirixe o II Congreso de Contratación Pública. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xosé L. Penas dirixe o II Congreso de Contratación Pública. (Foto: Nós Diario).

—Que dificultades atopan as entidades locais en materia de contratación pública? Son maiores en concellos pequenos?
Os circuítos excesivos e complexos engrenaxes nos mecanismos de contratación fan, moitas veces, que o reducido persoal dos concellos pequenos non poida afrontar unha contratación máis eficaz. Isto, de por si, deturpa o seu sentido auténtico, como servizo directo á cidadanía e á economía máis próxima.

A Lei de contratos do sector público (LCSP) de 2017 contemplaba melloras na xestión da contratación, mais non na dotación de medios persoais ás entidades locais menores, polo que ante a falta de planificación, por incapacidade ou imposibilidade, acábase recorrendo en exceso a contratos menores ou simplificados sen publicidade, o cal fai que se limite a concorrencia dos procedementos abertos. Así, pois, desde as administracións maiores temos a obriga de contemplar esta problemática e ofrecer toda a colaboración posíbel, polo menos á espera de que se vaian introducindo melloras ou poidamos permitir incrementos en areas especializadas que até hoxe case sempre contan con poucos recursos humanos.

—En que medida ten contribuído a contratación pública electrónica a mellorar en axilidade e eficacia, dous dos retos sinalados.
Sen dúbida a contratación pública electrónica facilitou moito os procesos; sobre todo en simplificación, transparencia, accesibilidade, incremento da concorrencia e universalidade, mais tamén é certo que aqueles que participamos nos procesos de contratación de forma regular temos que padecer a lentitude das plataformas de contratación electrónicas do sector público. Queda moito que traballar nunha estratexia común que permita mellorar o sistema. En 2024 haberá que ir máis aló e aproveitar tecnoloxías como blockchain, intelixencia artificial ou a análise de datos preditivos, para que a contratación electrónica sexa unha ferramenta de axuda e non só de xestión. Cando falamos de camiñar cara a unha contratación máis áxil case sempre falamos de circuítos, burocracias e mesmo mentalidades que non fan parte da electrónica senón do cotiá.

—A contratación pública tamén aspira a ser responsábel e sostíbel. Que criterios sociais e ambientais se están a aplicar xa?
A lei indica que en todo proceso de contratación, sempre que teña relación co obxecto do contrato, temos que incorporar aspectos de mellora sociais e medioambientais. Desde a Deputación da Coruña entendemos que é no inicio da contratación, nos pregos, onde se debe comezar a traballar. E iso foi o máis complicado, a redacción dos novos pregos, xa que moitos dos implicados non compartían determinados criterios sociais, como os relacionados coa igualdade e o fomento do emprego.

Algunhas destas melloras foron contempladas por modificacións lexislativas posteriores, mais queda moito por facer para integrar todos estes aspectos, que algúns entenden que limitan a concorrencia mentres outros defendemos que contribúen á mellora na calidade por riba doutras medidas máis economicistas.

—Cómpre maior implicación das administracións para asentar a perspectiva de xénero na xestión de compras e contratos?
A LCSP supuxo sen dúbida un cambio de paradigma no referente ás políticas de xénero na contratación, mais chegou a todas as persoas. A lei estabelece como prioritarias e de plena aplicación e legalidade as cláusulas de xénero. O problema está en que estas medidas implican unha vontade e sensibilización que non todas as administracións teñen. A chave está na transversalidade e en ter en conta que a maior eficiencia dos recursos públicos implícanos a todos e todas nun uso máis xusto e racional dos mesmos.

Na medida do posible hai que incorporar cláusulas nos pregos de contratación referidas ás  condicións laborais, o acceso a postos de responsabilidade, a igualdade salarial, as melloras en conciliación, ademais de favorecer a sensibilización de todo o circuíto. Pero hai que ir mais aló de cumprir o que di estritamente a lei, fomentar a implicación xeral entre a economía pública e privada e, sobre todo, pasar das palabras aos feitos dunha forma moito máis obxectiva.

—Teñen as entidades da economía social e solidaria acceso suficiente á contratación pública?
Non, sen dúbida. Temos unha ferramenta legal e regulada que nos permite operar co noso tecido de empresas de inserción e centros especiais de emprego. Os contratos reservados deberían ser ese obxectivo, até agora insuficiente dende o punto de vista das administracións en xeral , para impregnar a contratación dun sentido máis práctico e real en canto á inserción das persoas con necesidades especiais e sociais no tecido empresarial.

Sabemos da proximidade física e social das empresas que participan neste tipo de licitación, con vínculos evidentes coa comunidade local. A obriga de incorporar persoal de colectivos concretos fai que a relación mesmo con outros servizos do Concello sexa máis determinante, por tanto, o beneficio, ou parte del, tamén recaerá na propia sociedade. Temos a posibilidade real de facer política e economía sociais cun custo moi baixo para as administracións e cun beneficio social maior. Temos a posibilidade de usar a lei de contratos como ferramenta de traballo social, económica e mesmo política, que non aproveitamos de todo. Desde esta área imos traballar para que nas vindeiras melloras dos pregos de contratación se afiance o apoio ás entidades deste tipo, sempre dentro da legalidade que nos permite a LCSP.

Flexibilidade e transparencia

"Malia que algunhas noticias recentes poidan facer pensar que non hai mecanismos de control suficientes, o certo é que existen e son múltiples", afirma Xosé L. Penas. "Eses mecanismos de control non se poden converter en ferramentas burocráticas que sirvan para outro fin que non sexa o control áxil e eficaz do que é de todas", engade.

Neste sentido, o deputado defende que todos os procesos da contratación pública deben estar "impregnados dun sentido de servizo público, sobre o que gravita toda a lei de contratos, onde pasamos de priorizar exclusivamente o "aforro" das administracións a traballar sobre a calidade e a eficacia, sempre de cara a toda as persoas que soportan as administracións a través dos seus impostos". 

A transparencia, di, debe ser global, de principio a fin do proceso de contratación, "tamén a respecto das persoas que intervimos técnicas e políticas.

Comentarios