Xosé Luís Penas: "Na contratación dábase prioridade ao efecto prezo sobre o da calidade"

A Deputación da Coruña vén de aprobar uns novos pregos de contratación cunha dimensión máis social. Entre as súas cláusulas inclúen incentivos á contratación de mulleres ou persoas perceptoras do Ingreso Mínimo Vital. Mais tamén se busca limitar as subcontratacións e axilizar os prazos.
Xosé Luís Penas deputado de Contratación e Patrimonio da Coruña (Imaxe: Deputación da Coruña).
photo_camera Xosé Luís Penas deputado de Contratación e Patrimonio da Coruña (Imaxe: Deputación da Coruña).

—Que peso tivo o contexto actual no deseño dos novos pregos?
O peso da pandemia é indiscutíbel, pois afecta en todos os eidos. Tamén nos pregos de contratación, que afectan á economía da provincia da Coruña. Con todo, xa se comezara a traballar hai anos, pois era un tema pendente da anterior corporación. Nós comezamos a traballar en febreiro, mais coa Covid-19 todo quedou ralentizado. 

—Hai cláusulas dirixidas ás traballadoras, á mocidade, a persoas paradas de máis de 55 anos pero tamén a perceptoras do Ingreso Mínimo Vital.
Esas son cláusulas sociais para incentivar a contratación. Algunhas, como as de igualdade de xénero, xa figuraban mais non eran efectivas. Por exemplo, unha delas exixía a contratación dunha muller en licitacións de máis de 200.000 euros. A contratación producíase só para conseguir o contrato, deturpando o obxectivo. Agora incluímos porcentaxes, como a de 12% no caso das obras, que a nivel estatal mantense en 8%. Tamén, no caso dos plans de formación para o emprego, procuramos incorporar máis xente moza.

—No proceso participaron empresas, asociacións ou sindicatos. Que eivas sinalaron? 
Recibímolas sobre todo do sector económico. Estábase a dar prioridade ao efecto prezo máis que ao efecto calidade. Procurábase unha fiscalización dun aforro que quedaba nas arcas da Deputación en forma de remanente. En consecuencia, no banco, co paradoxo de ter que pagar por ese depósito. Agora procuramos unhas formas máis xustas. Se quero levar a cabo unha serie de licitacións procuro a media, sen tender ao prezo máis baixo. Porque ese aforro tamén implicaba un deterioro da calidade das obras.

—Escoller a opción máis barata repercute tamén nas condicións laborais do persoal?
Non temos constancia directa disto, pero si indirecta nalgúns casos. Ademais, premiouse que se rematasen as obras antes do prazo estipulado, co cal conseguiamos obras rematadas antes, pero que precisaban melloras. 

—Pregunto pola dimensión laboral porque tamén optaron por fixar que elementos non poden ser subcontratados ou un persoal mínimo para as obras.
Isto responde á calidade laboral,  si, pero tamén ao "pirateo" das empresas. Acontecía que empresas cun ou dous traballadores gañaban licitacións sen capacidade técnica para executala, subcontratando practicamente toda a obra. Non podemos limitar a porcentaxe de subcontratacións, pero si delimitar que traballos non poden ser externalizados. A cláusula de persoal mínimo, de cinco traballadores, asegura esa masa laboral para levar a cabo as tarefas.

—Ten a Deputación capacidade de seguimento para asegurar que se acatan os pregos?
O problema da maioría das Administracións é que moita parte do traballo e documentación que se fai sobre os pregos nas institucións non ten un seguimento. Estes pregos son un punto de partida, que ten que implicar que a partir de aquí facemos un control e seguimento da calidade ambiental, da execución das obras. Pero se eu non teño por parte dos servizos nin dos Concellos esa información non podo levalo a cabo.

—Teñen os medios para facelo?
En moitas ocasións desgraciadamente non, sexa porque son Concellos pequenos sexa porque politicamente ou tecnicamente non se quere asumir esa capacidade. Desde a Deputación, ofrecémonos a facer ese traballo.

—Politicamente, na Deputación chegaron a un consenso para aprobar os novos pregos.
Desde febreiro a nosa intención sempre foi ese consenso, pois é un tema suficientemente importante e delicado con implicacións para a economía da provincia. Reuninme con todos os portavoces de todos os grupos, PP, Alternativa Veciñal, Marea Atlántica e PSdeG. Nestes tempos, nos que a política se reduce moitas veces a berros e negativas a unha idea que non é a propia, teño que agradecer a colaboración de toda a oposición
 

Comentarios