O 1% máis rico paga na Galiza menos de impostos que o 20% máis pobre

Na Galiza, até 1% máis rico tributa menos sobre a súa renda que 20% máis pobre. O tramo medio impositivo do primeiro grupo é de 23,7% da renda bruta, mentres o segundo tributa 27,6%. Unha fenda de case 4 puntos, por riba da media estatal, que é medio punto inferior (3,5).
Oficina da Axencia Tributaria (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera (Foto: Europa press)

Até 1% da poboación máis adiñeirada adoita tributar a un tramo total inferior ao de 20% máis pobre. Iso é así na Galiza e en boa parte dos territorios do Estado, agás Catalunya, o País Valencià e as Illas Canarias. Unha situación que recolle o Observatorio sobre o reparto dos impostos e as prestacións entre os fogares españoles, que vén de publicar a Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea). Un estudo no que se indica que, no caso da Galiza, a súa política fiscal fai que a fenda entre o que paga o quintil de 20% máis pobre e decil de 1% máis rico é de case 4 puntos, mentres que no Estado é de 3,5. Así, na Galiza os contribuíntes máis ricos rexistran tramos impositivos de 4 puntos porcentuais por baixo que os que soporta o quintil máis pobre de fogares galegos.

Os primeiros, ese sector dos máis ricos, tributa 23,7%; mentres que o quintil de 20% dos máis pobres paga 27,6%. En Catalunya, por exemplo, ese 1% dos máis adiñeirados da poboación paga 27% mentres que 20% máis pobre 26,7%.

Onde pagan menos os ricos alén da Galiza? En Madrid, que é a autonomía na que menos impostos pagan os máis ricos (menos de 18%) ou Cantabria. A media estatal anda por volta de 24,5%. Téñase en conta que na Galiza pagan 23,7%.

Para elaborar a análise, o equipo investigador de Fedea considerou os efectos do IRPF, o imposto de sociedades, o de patrimonio, o IVE ou os impostos especiais, entre outros. 

Tendencia

O estudo da Fedea vén incidir nun tema no que xa abondaron informes e análises anteriores. Un exemplo deles é o informe do Consello Xeral de Economistas de España sobre o que se paga de media de Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) nas diferentes comunidades en 2023 e que situaba Galiza como un dos territorios onde ter máis renda sae máis barato.

Así, e por tramos de renda, a Galiza figuraba no podio das tres autonomías onde as persoas contribuíntes con ingresos entre 220.000 e 600.000 euros menos teñen que pagar; e para aquelas cunha renda de 160.000 Galiza é a cuarta autonomía máis 'barata'.

O Consello Xeral de Economistas explica que os resultados elabóranse en base a unha persoa contribuínte-tipo: que obtén unicamente as rendas do traballo, menor de 65 anos de idade e que non está casada. Así, para o tramo de 600.000 euros, a comunidade onde máis barato sae o IRPF é Madrid (abonarían 251.900 euros), seguida de Castela e León (257.000) e a Galiza (263.000). No caso galego, son 27.000 euros menos que os que as persoas contribuíntes con ese nivel de ingresos terían que pagar no País Valencià, ou 17.000 menos dos que esas persoas con ingresos de máis de 600.000 euros abonarían en Nafarroa.

Pagar menos

A situación repítese nos segmentos con ingresos de 220.000, 300.000 e 400.000 euros. Neste último, os contribuíntes na Galiza pagan ao redor de 169.000 euros, como en Castela e León. 

Só en Madrid terían que desembolsar menos con este IRPF (case 162.000). No País Valencià abonarían máis de 190.000 e na gran maioría dos territorios o que pagarían estas persoas estaría por riba dos 175.000-180.000 euros.

A mesma dinámica acontece co resto de tramos 'altos'. A persoa cun segmento de renda anual de 300.000 euros ten na Galiza a terceira comunidade do Estado español onde menos vai ter que pagar: 122.000 euros. Outra vez, a Galiza formando podio canda Madrid e Castela e León.

 Ricos en aumento

Na Galiza hai 8.500 persoas recoñecidas fiscalmente como ricas, unha cifra que supón un aumento considerábel -de 19%- a respecto das que había hai unha década, cando eran 7.200. Tamén aumentaron nestes anos as propiedades que posúen. Pasaron de 25.400 millóns de euros a 57.000, o que supón 25% máis durante esta última década.

Comentarios