A xerente do Sergas é irmá do xerente da patronal galega da sanidade privada

Estrella López-Pardo Pardo e Manuel López-Pardo Pardo non só son irmáns. Unha é xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta da Galiza. O outro é xerente da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), a patronal da sanidade privada galega.

Estrella López Pardo
photo_camera Estrella López Pardo tomando posesión do seu cargo en abril de 2021. (Foto: Europa Press)

Estrella López-Pardo Pardo é xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) desde agosto de 2022. O seu nomeamento no Consello da Xunta da Galiza de 4 de agosto produciuse no marco dunha crise na Administración sanitaria galega derivada de diversos erros de xestión na área Pontevedra-O Salnés, que remataron co cese do seu xerente, José Ramón Gómez, e da substitución deste por José Flores, antecesor de Estrella López-Pardo á fronte do Sergas.

O desembarco de López-Pardo na nova responsabilidade non estivo exenta de polémica. Así, nunhas das súas primeiras declaracións públicas, sinalou que “a poboación ten que entender que non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde” e indicou que non todas as citas de Atención Primaria teñen que darse no día.

Estas palabras levaron o PSdeG a solicitar a súa dimisión no Parlamento da Galiza, denunciando o secretario de Organización da formación, José Manuel Laxe, que a nova xerente do Sergas “é un cabalo de Troia da sanidade privada”.

Unha longa traxectoria no Sergas

Estrella López-Pardo atesoura ás súas costas unha longa traxectoria como xestora da sanidade pública galega. As súas primeiras responsabilidades desenvolveunas na época de Manuel Fraga como presidente da Xunta da Galiza, exercendo entre 1998 e 2001 como subdirectora xeral de Planificación e Aseguramento do Sergas.

Posteriormente, ocupou a subdirección xeral de Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente entre 2009 e 2013, a subdirección de Calidade e Atención ao Paciente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Compostela entre 2013 e 2018 e a dirección de Procesos con Ingresos na EOXI de Pontevedra-O Salnés.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nomeouna en abril de 2021 directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Xunta da Galiza. Nesta responsabilidade, encargouse de implantar nos centros de saúde o sistema integral de xestión da demanda, que delega no persoal administrativo determinar que profesional lle corresponde ao paciente, provocando a contestación dos colectivos en defensa da sanidade pública.

O irmán de Estrella López-Pardo Pardo, Manuel López-Pardo Pardo, é o actual director-xerente da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), a patronal da sanidade privada galega. A entidade ten como asociados os principais grupos sanitarios privados con actividade na Galiza, como Quirón, Ribera, Hospitales Madrid ou Vithas. Á fronte da presidencia da entidade atópase José Ignacio Vidal, fundador e máximo responsábel da Cooperativa Sanitaria da Galiza (Cosaga), un dos centros privados de referencia en Ourense.

A patronal da sanidade privada

A xerencia é unha responsabilidade chave dentro de Ahosgal. Segundo se recolle nos estatutos da entidade, “a asociación poderá ser dirixida profesionalmente por unha persoa que, con coñecementos do sector e ampla experiencia profesional, sexa nomeada a tal fin pola asemblea xeral da asociación”. Nesta sentido, deléganse no cargo un amplo elenco de competencias dependendo “a súa contratación e condicións de traballo, laborais ou profesionais” da asemblea xeral.

As funcións do xerente de Ahosgal están definidas nos propios estatutos da entidade. Entre elas, atópanse os “labores de representación ante as institucións públicas e privadas”, a “convocatoria das reunións da asociación”, a “planificación e execución de estratexias comúns que beneficien os hospitais da asociación” ou o “exercicio de labores de interlocución con provedores e clientes, en representación da asociación”. Na mesma dirección, determínase que “para o exercicio das súas funcións, o director xerente asistirá con voz pero sen voto a todas as reunións que se celebren tanto da asemblea como da xunta directiva”.

Manuel López-Pardo Pardo foi presidente da patronal galega da sanidade privada entre abril de 2015 e xaneiro de 2021, sucedendo no cargo a Justo Jorge, xerente do hospital lugués Polusa, após exercer este último entre 1991 e 2001 como asesor da Consellaría de Sanidade e desde 2001 a 2004 como xefe de gabinete do daquela conselleiro José María Hernández Cochón. López-Pardo Pardo foi substituído como presidente da entidade por José Ignacio Vidal, quen fixera parte con anterioridade das súas directivas.

Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo

López Pardo exerceu durante anos de xerente do Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. O hospital, fundado polo seu pai, o traumatólogo Manuel Germán López Pardo, permaneceu ligado á familia desde 1967 até 2021, en que foi vendido ao grupo Quirón, propiedade da multinacional alemá da sanidade privada Fresenius, titular doutros centros na Galiza como o Miguel Domínguez de Pontevedra —do que foi xerente o ex concelleiro e ex deputado polo PP Miguel Domínguez Vaz e do que foi tamén propietario Rafael Domínguez Vaz, pai do hoxe candidato á Alcaldía de Pontevedra polo PP, Rafael Domínguez— ou o hospital  Quirón da Coruña.

O Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes é un dos hospitais privados de referencia en Lugo. O centro consta de máis de 13.000 metros cadrados, 70 camas, 7 quirófanos e servizo completo de diagnóstico. Ao tempo, dispón dun número de  prazas concertadas coa Xunta da Galiza.

A Xunta da Galiza ten concertadas cos hospitais privados 1.654 prazas

Unha parte dos ingresos da sanidade privada proceden do orzamento público. A Xunta da Galiza destinou en 2022 á sanidade privada 219 millóns de euros, o que representa 4,5% do total orzamento sanitario galego para ese exercicio. A contía significa un incremento de practicamente 14 millóns de euros en relación a 2020, cando chegou a 205 millóns.

Segundo os datos fornecidos pola Fundación Idis para 2020, 62,9% do total dos fondos destinados pola Xunta da Galiza ao sector sanitario privado foron dedicados a concertos con institucións da Atención Especializada. Neste sentido, Idis, unha fundación ligada á patronal estatal da sanidade privada e das grandes aseguradoras, afirma que a Xunta da Galiza ten concertadas 1.654 prazas hospitalarias cos operadores sanitarios privados.

As fontes de Ahosgal consultadas por  Nós Diario sinalaron que “o nomeamento  de Manuel López-Pardo como xerente da entidade foi anterior á elección da súa irmá como xerente do Sergas”. Ao tempo, defenderon a idoneidade de Manuel López-Pardo como xerente de Ahosgal "polo seu profundo coñecemento do sector e pola súa vinculación desde hai moitos anos coa entidade, onde ocupou mesmo a presidencia entre 2015 e 2021".

A Consellaría de Sanidade negouse a  valorar o feito de que a xerente do Sergas  sexa irmá do director xerente da Ahosgal. Así, a unha pregunta de Nós Diario nese sentido responderon que non ían emitir ningunha opinión ao respecto.

Comentarios