Xácome contrata como asesora a muller do xuíz que o investiga por malversación

Segundo apunta a Fiscalía, o alcalde de Ourense malversou unha cantidade superior aos 100.000 euros das arcas de Democracia Ourensá entre os anos 2015 e 2018.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense por Democracia Ourensá (DO), Gonzalo Pérez Xácome, vén de contratar como asesora a muller do xuíz de Instrución Número 2 de Ourense, Luis Doval, que investiga a denuncia da Fiscalía por un presunto delito, cometido por Xácome, de malversación de fondos de DO.

O maxistrado xa solicitou ser apartado do caso para evitar que se vexa afectada "a imaxe de imparcialidade" da súa instrución, que se atopa practicamente rematada. Todo despois de que se dese a coñecer que a súa parella, familiar dun concelleiro de DO, fose contratada como axudante do coordinador da Concellaría de Infraestruturas, exercida polo rexedor ourensano.

A muller xa traballara con anterioridade como asesora no Concello, até que foi cesada uns días antes que a Fiscalía interpuxese a denuncia por malversación contra Xácome, en novembro de 2021.

Polo de agora, a Audiencia de Ourense non se pronunciou sobre se acepta a inhibición de Doval. En caso afirmativo, os outros dous xuíces de Instrución que poderían rematar coa investigación son o Número 1, Leonardo Álvarez Pérez, e a Número 3, Eva Armesto González.

Acusado de malversar máis de 100.000 euros

Segundo apunta a Fiscalía, o alcalde de Ourense malversou unha cantidade superior aos 100.000 euros das arcas de Democracia Ourensá entre os anos 2015 e 2018, para o que se serviu de facturas, transferencias e talóns bancarios, vencellados a supostos servizos prestados pola súa empresa de televisión cando aínda non exercía o actual cargo.

Ademais, a Fiscalía tamén presentou varios testemuños de colaboradores de Xácome, aos que presuntamente obrigaba a entregar parte dos seus salarios e retribucións a través de transferencias ou en metálico, sen emitir ningún tipo de comprobante ou recibo cos que facer constar eses ingresos na declaración da renda.

A pesar de ser preguntado en numerosas ocasións pola oposición e polos medios, nin o rexedor ni a súa formación política ofreceron explicacións públicas sobre estas actuacións irregulares.

Comentarios