Pérez Xácome, de novo no punto de mira por suposta "malversación de caudais públicos"

O ministerio fiscal de Ourense dubida do posíbel "destino irregular de subvencións" que tería recibido Democracia Ourensá (DO), partido do que é líder o alcalde da cidade. O Partido Popular, que reactivou o pacto de Goberno municipal hai pouco tempo, apela á presunción de inocencia e o rexedor garante que ten "preocupación cero" por este novo contratempo na súa traxectoria.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Fiscalía de Ourense presentou unha querela contra o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, pola presunta malversación de fondos públicos, pois sospeita dun posíbel destino irregular de subvencións que percibiu o seu partido, Democracia Ourensá (DO), no pasado. Neste contexto, o rexedor amosa tranquilidade mentres o PP pide agardar ao resultado deste proceso.

Os feitos que investiga o ministerio fiscal decorreron entre os anos 2015 e 2018, cando Xácome era concelleiro da oposición na corporación de Ourense.

Fontes consultadas por Europa Press confirmaron a existencia da querela que, segundo publican diversos medios, partiría dunha denuncia anónima e que investiga a xestión de case 100.000 euros da formación política.

Segundo as primeiras informacións, toma como referencia dous cheques de 20.000 e 30.000 euros retirados a nome de Pérez Xácome, cheques que o rexedor terá que explicar se foron a parar a gastos da formación ou non. Ademais, no foco estarían pagos do grupo municipal supostamente destinados a sufragar a licenza do espazo de televisión de Auria TV, a televisión do actual alcalde de Ourense.

Con todo, o tempo das transaccións é anterior a que fose elixido como rexedor municipal. A denuncia foi admitida a trámite e acordáronse dilixencias pero non hai polo momento citacións.

O líder de Democracia Ourensá e rexedor municipal, Gonzalo Pérez Xácome, non quixo facer declaracións aos medios, mais si expuxo a súa opinión sobre este proceso a través das súas redes sociais.

Transmitiu ter "preocupación cero" ante unha denuncia que considera "sen base" e que "como as anteriores" prevé que "quedará en nada".

Reaccións no resto de partidos

O primeiro partido en trasladar a súa valoración á querela foi o BNG. Os nacionalistas aseguran "celebrar a decisión de Fiscalía" e afirman que "desde hai anos advírtense estas prácticas das que o propio Xácome presumiu".

Consideran que a querela dana "profundamente a imaxe da institución" á vez que "contribúe á desafección dos veciños polo seu concello", que consideran "sumido no caos e na inacción".

Ademais desde o BNG lembraron ao PP que en agosto do 2020 abandonaron o goberno local baseándose en denuncias presentadas por  ex compañeros do partido e, agora, é a propia Fiscalía "quen acusa ao rexedor de malversación de fondos públicos".

Pola súa banda, o socio de goberno, o PP, manifestou o seu "firme respecto aos procesos xudiciais e á presunción de inocencia" exixindo que se deixe traballar á xustiza.

Comentarios