A Xustiza interrogará Pérez Xácome por suposta malversación de fondos públicos

Esta terza feira transcendeu que o xuíz vén de citar ao alcalde de Ourense, que declarará en calidade de investigado pola querela que se lle interpuxo. O líder de Democracia Ourensá (DO) di non estar preocupado e fai unha brincadeira polo día no que se presentará nos xulgados, o próximo 28 de decembro, Día dos Inocentes.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Gonzalo Pérez Xácome comparecerá ante a Xustiza, en calidade de investigado por presunta malversación de fondos públicos, o próximo 28 de decembro. A citación do titular do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense transcendeu hoxe, pero ante esa declaración que pasa a formar parte da axenda, o alcalde de Ourense, asegura non estar preocupado.

A investigación partiu dunha denuncia anónima a partir da que se comezou a analizar a xestión de case 100.000 euros do partido  Democracia Ourensá (DO), que lidera Pérez Xácome.

A querela admitiuse a trámite e o maxistrado responsábel do caso tomou como referencia dous cheques de 20.000 e 30.000 euros retirados a nome do tamén rexedor de Ourense, cheques sobre os que terá que explicar se foron a parar a gastos da formación ou non.

Aliás, o Ministerio Público analiza pagos do grupo municipal supostamente destinados a sufragar a licenza do espazo televisión de Auria TV, a televisión propiedade do propio Gonzalo Pérez Xácome.

Antes de chegar á Alcaldía

Con todo, os feitos que se investigan producíronse entre os anos 2015 e 2018 cando o actual rexedor municipal aínda era concelleiro da oposición na corporación municipal.

A nova de que a Fiscalía presentara unha querela contra o rexedor municipal por estes feitos coñeceuse a finais do pasado outubro e nada máis sabelo o alcalde rexeitou facer declaracións aos medios. 

No entanto, si falou a través das redes sociais garantindo a súa "preocupación cero" por considerar que se trata dunha "denuncia sen base" que quedaría "en nada".

"Confianza cega en que a xustiza poña outra vez as cousas no seu sitio. Seguimos loitando por transformar a cidade", dicía. Agora que recibiu a chamada para declarar, regresou aos seus perfís públicos para sinalar: "Cítanme ao xulgado o 28 de decembro? Agardo que a miña declaración non a tomen como unha inocentada".

Comentarios