Lea no pleno de Ourense: Xácome chama "matón e macarra" a Luís Seara (BNG) e expúlsao da sesión

O alcalde ourensán mostrou a súa versión máis autoritaria cando o nacionalista subiu ao estrado para replicar os ataques de Xácome contra a súa persoa malia non ser a súa quenda: "Policía Local, desalóxeno e córtenlle o micro, que non ten a palabra". Todos os grupos abandonaron a sala e deixaron só ao alcalde.
Dous axentes da Policía Local, a petición do alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, acompañan á saída do pleno a Luís Seara, do BNG (Foto: Concello de Ourense).
photo_camera Dous axentes da Policía Local, a petición do alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, acompañan á saída do pleno a Luís Seara, do BNG (Foto: Concello de Ourense).

O pleno extraordinario do Concello de Ourense decorrido na mañá desta sexta feira tivo un desenvolvemento abrupto por mor da lea entre o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, e o portavoz local do BNG, Luís Seara.

O rexedor elevou o ton no cruce de reproches entre Goberno e oposición, primeiramente, ao dirixirse ao edil nacionalista como un "vilán". Acto seguido, dixo: "Seara, fíxense ben no que vou dicir del, é un auténtico matón e un macarra".

Pérez Xácome fixo alusión a un suposto altercado de Luís Seara cun particular que o tería denunciado ante a Policía por mor dunha simple —e, novamente, presunta— discusión verbal. "O outro día foi apupado nun acto e díxolle o seguinte a unha persoa duns 70 anos: 'Ti foches un dos que me berraches, vaia demócrata! Vaste enterar'", dixo o alcalde, dando lectura ao presunto parte policial.

Malia non ter a quenda da palabra, por alusións, Seara subiu ao estrado e intentou replicar as acusacións do alcalde, que, cun ton autoritario, ordenou cortarlle o son e chamouno á orde até en tres ocasións en apenas un minuto.

O nacionalista non conseguiu falar, mais resistiuse a abandonar a sesión sen refutar a Xácome, que pediu a intervención das forzas de seguridade: "Que veña a Policía Local, desalóxeno do pleno [...] Marche... Temos que chamar reforzos?".

"Miren o demócrata e abusón que é, que sobe aquí sen ter a quenda. Isto non é a ditadura da Unión Soviética, aquí vostede non manda. Estou falando eu, que son o alcalde", rematou o rexedor de Democracia Ourensá (DO).

En medio desta disputa, varios concelleiros e concelleiras tentaron que o alcalde entrase en razón e non expulsase Seara do pleno, mais Xácome respondeu con dúas novas chamadas á orde. Finalmente, o pleno, que debatía por terceira vez a recualificación do solo para erguer a residencia de maiores promovida pola Fundación Amancio Ortega, tivo que suspenderse antes da votación pola marcha de BNG, Ciudadanos, PP e PSdeG, que deixaron só ao rexedor.

Reaccións desde o BNG

"O uso da forza contra quen non lle calamos as súas corruptelas é a única vía dunha alcaldía á que compre porlle fin. Todo o apoio a Luís Seara e Ruth Reza, orgullo do BNG", sinalou a través de Twitter a agrupación local do Bloque.

Tamén a deputada no Parlamento galego Noa Presas valorou os sucesos: "O acontecido no pleno de Ourense hoxe é outra mostra da falta de democracia, educación e decencia de Xácome. Que o PP abandone o pleno está ben, pero mellor estaría que desaloxara a quen é alcalde co seu apoio".

Comentarios