Villarino imponse ao sector de Formoso nas primarias do PSdeG

Por 709 votos (57,22%) a 516 (41,65%), Villarino continuará como secretario xeral do PSdeG na provincia de Ourense, no que pode ser o único triunfo do sector de Caballero.
Rafael Villarino e Alfredo García o domingo, día das primarias do PSdeG provincial de Ourense. (Foto: PSdeG)
photo_camera Rafael Villarino e Alfredo García o domingo, día das primarias do PSdeG provincial de Ourense. (Foto: PSdeG)

As primarias do Partido dos Socialistas de Galicia na demarcación provincial de Ourense que decorreron o domingo reelixiron a Rafael Rodríguez Villarino como secretario xeral do PSdeG da provincia.

Após os acordos entre as candidaturas das circunscricións de Pontevedra e Lugo, que tamén se poden repetir na Coruña, onde están previstas as primarias para o vindeiro 30 de xaneiro, este pode ser o único triunfo do proceso para o sector do ex líder da formación, Gonzalo Caballero.

Villarino impúxose por 709 votos (57,22%) a 516 (41,65%) ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García. O PSdeG informa de que a participación da militancia foi do 79%.

Pouco despois de ser reelixido, o tamén voceiro municipal en Ourense reclamou traballar desde a mañá desta segunda feira para alcanzar o obxectivo de gobernar tanto na cidade como na Deputación a partir de 2023.

Ademais, destacou que considera esta vitoria “unha validación” do último mandato á fronte da forza política, que porá punto e final ao proceso interno coa celebración dun congreso provincial o 19 e 20 de febreiro.

Ao tempo, valorou “unha participación histórica” da militancia do PSdeG, o que interpretou como un visto e prace ao “ritmo do partido”.

Integración

"Foi o aceno de identidade do anterior mandato e o será deste tamén", subliñou Villarino con respecto a se está a porta aberta á integración da outra lista nos órganos.

Pola outra parte, García amosouse cauto sobre esta posibilidade, limitándose a sinalar que agardarán "a ver que se propón e que proxecto se pon enriba da mesa".

Comentarios