Candidatura única no PSOE de Lugo: José Tomé será o secretario xeral

Xosé María Arias, alcalde de Castroverde e rival de Tomé nas primarias, acordou concorrer na lista unitaria como candidato a vicesecretario xeral.
O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias;o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, esta segunda feira, asinando o acordo (Foto: PSdeG).
photo_camera O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias;o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, esta segunda feira, asinando o acordo (Foto: PSdeG).

As persoas aspirantes a lideraren o PSOE de Lugo fecharon esta segunda feira un acordo para presentar unha candidatura única, que estará liderada polo actual presidente da Deputación, José Tomé, quen será o novo secretario xeral da formación.

O pacto, do que vén de informar o partido nun comunicado, prevé que o alcalde de Castroverde e rival de Tomé nas primarias, Xosé María Arias, ocupe un posto de "máxima relevancia" como a vicesecretaría xeral.

Este acordo foi asinado esta segunda feira na sede do PSOE lucense, coa presenza do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

Fontes da formación socialista sinalaran a comezos de mes a Nós Diario que Tomé era o claro favorito a vencer en Lugo.

Un "consenso" que "garante a unidade"

González Formoso salientou que este pacto "avala un consenso que garante a unidade e fortalece o partido", e "responde á sensibilidade maioritaria dentro da militancia de Lugo".

O PSOE lucense destaca que o presidente da Deputación e o rexedor de Castroverde, que contan cunha ampla traxectoria e experiencia tanto no plano institucional como orgánico, confluíron na importancia fundamental de contar cun partido "unido e forte", tanto para ter un mellor posicionamento á hora de defender os intereses de Lugo como para poder consolidar e seguir mellorando os resultados nas eleccións municipais do ano 2023, mantendo as actuais alcaldías, alcanzando outras novas e renovando o Goberno da Deputación.

Aliás, coinciden en que un partido unido e forte na provincia axudará a conseguir un cambio de goberno na Xunta da Galiza e tamén a manter o Executivo estatal.

Apoio ás agrupacións locais

Para iso, un dos obxectivos fundamentais pasa por estabelecer liñas de traballo e apoio en favor das agrupacións locais, para reforzalas, activalas e dinamizalas, e que dispoñan de todos os recursos de asesoramento necesarios para facer o seu labor, sobre todo desde a oposición, mais tamén desde o goberno.

Por outra parte, os asuntos de índole comarcal ou provincial terán un protagonismo especial entre as cuestións que aborde a executiva lucense, á vez que se fomentará a participación e a coordinación para un mellor funcionamento do partido.

Comentarios