Rafael Villarino consigue os avais para competir pola secretaría do PSOE ourensán

Rafael Rodríguez Villarino e Alfredo García loitarán polo liderado do PSdeG en Ourense, nunhas primarias cuxa votación está prevista para o 23 de xaneiro.
Villarino con parte do seu equipo en Compostela. (Foto: Candidatura Rafael Villarino)
photo_camera Villarino con parte do seu equipo en Compostela. (Foto: Candidatura Rafael Villarino)

O socialista Rafael Rodríguez Villarino, coñecido fóra de Ourense tamén polo seu papel o conflito da política municipal de Ourense cando decorreu a ruptura temporal da coalición de Goberno entre Democracia Ourensá e o PP, loitará por manter o liderado da Secretaría do PSOE de Ourense.

Malia certas tensións externas con outros partidos -nomeadamente o PP que non quixo achegar posturas para unha moción de censura contra o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome, se Villarino non daba un paso atrás-, o actual líder dos socialistas ourensáns presentou esta sexta feira en Compostela os avais necesarios para estas primarias.

En concreto, achegou a número máximo de avais que se requirían para poder ser candidato.

Entregou toda a documentación na sede central do PSdeG este 7 de xaneiro, a onde acudiu acompañado de Beatriz Domínguez e Xosé Rúas, que forman parte dese novo proxecto a nivel interno.

O aspirante agradeceu o "gran apoio recibido" por parte da militancia e amosou a súa disposición a "seguir loitando por un futuro mellor para Ourense".

Agárdase que a carreira pola secretaría estea entre o propio Villarino e o alcalde do Barco de Valdeooras, Alfredo García.

Este último, que tamén dirixiu a Fegamp, tería previsto rexistrar os seus apoios este sábado.  

A campaña para este proceso interno no seo do PSOE de Ourense comezará na próxima cuarta feira, 12 de xaneiro, e as votacións están programadas para o domingo día 23.

Comentarios