Análise

A renovación do PSdeG en liña con Formoso

O proceso de renovación aberto polos socialistas galegos no seu congreso de decembro chega agora aos órganos de dirección territorial. A decisión de José Tomé de formalizar a súa candidatura á secretaría xeral de Lugo, súmase ao paso adiante dado nas pasadas semanas por David Regades en Pontevedra e Bernardo Fernández na Coruña. Fica agora por saber se a conflitividade vivida no pasado conclave galego do PSdeG chega na mesma intensidade ás zonas.

Valentín González Formoso e Pedro Sánchez na clausura do congreso do PSdeG (Foto: Arxina).
photo_camera Valentín González Formoso e Pedro Sánchez na clausura do congreso do PSdeG (Foto: Arxina).

A candidatura de José Tomé á secretaria xeral do PSdeG de Lugo é un feito. O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte escolleu esta segunda feira para adiantar a súa decisión de aspirar a dirixir o partido na circunscrición.

Neste proceso conta co apoio da grande maioría dos alcaldes, do grupo provincial socialista e dunha boa parte das agrupacións. Ninguén dúbida no partido do trunfo de Tomé no proceso de primarias, unha vez que o alcalde de Castroverde, José María Arias, anunciara a súa decisión de concorrer á secretaria xeral.

A terceira vez para Arias

O paso adiante de Arias non é novo. De feito é a terceira ocasión en que pelexa pola máxima responsabilidade do PSdeG en Lugo, após saír derrotado en 2017 no seu pulso con Álvaro Santos e en 2019 na súa batalla coa deputada  Patricia Otero, que renunciou á continuar no cargo tras integrarse na dirección de González Formoso.

Bernardo Fernández é o único aspirante, polo momento, á secretaría xeral da Coruña. Alcalde de Pontedeume, portavoz do PSdeG na Deputación da Coruña e persoa moi próxima a González Formoso, é considerado por moitos dirixentes do partido como o seu sucesor natural. A vitoria de Fernández é dada como segura dentro da formación, porén non se descarta unha candidatura alternativa promovida desde o grupo de Gonzalo Caballero.

A este respecto, persoas dese sector consultadas por Nós Diario recoñecen que “estamos estudando a posibilidade de presentar unha lista alternativa se o actual aparato do partido non fai xestos de integración”.

O actual secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades conta coa maioría dos apoios para continuar na súa responsabilidade. Persoa do círculo máis íntimo a Abel Caballero, antigo concelleiro en Vigo e Delegado do Consorcio da Zona Franca, dispón do respaldo dos principais cargos institucionais da formación.

Neste caso, dáse por feita unha proposta alternativa impulsada desde o sector de Gonzalo Caballero.

A incógnita ourensá

A militancia socialista ourensá está chamada a primarias o 23 de xaneiro. Nesta circunscrición agárdanse dúas listas, unha encabezada polo actual secretario Rafael Villarino e outra presentada polo núcleo próximo a González Formoso. Uns e outros consideran que o proceso está aberto e afirman que a vitoria pode caer de calquera lado.

A foto final deste proceso apunta a unhas estruturas de dirección territorial na liña da maioría conformada arredor de González Formoso. A este respecto, a sintonía das direccións provinciais coa galega vai facilitar o traballo do novo secretario xeral dos socialistas galegos, moi interesado en contar co criterio das zonas no día a día do partido.

Comentarios