Candidatura única do PSOE tamén en Pontevedra: Regades seguirá á fronte

A outra candidata á secretaría xeral do PSOE pontevedrés, a deputada Paloma Castro, intégrase na lista de David Regades.
David Regades, o pasado 8 de xaneiro, no acto de inicio de campaña das primarias do PSOE pontevedrés (Foto: Europa Press).
photo_camera David Regades, o pasado 8 de xaneiro, no acto de inicio de campaña das primarias do PSOE pontevedrés (Foto: Europa Press).

David Regades alcanzou un acordo con Paloma Castro para presentar unha candidatura única á renovación da secretaría xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra, o mesmo que acontece en Lugo con José Tomé, polo que continuará catro anos máis á fronte dos socialistas pontevedreses. O pacto, que ambas as partes consideran que contribuirá a "reforzar" o partido na provincia e no conxunto do país, presentará unha candidatura única encabezada polo actual secretario, Regades.

Tal como subliñaron os socialistas nun comunicado, este acordo "está baseado na plena conciencia para levar a cabo unha axenda progresista coa vista posta no feminismo, o municipalismo e a cohesión social". En declaracións á axencia Europa Press, David Regades mostrou a súa satisfacción por alcanzar un entendemento con Paloma Castro, xa que desde que el chegou á secretaria xeral a súa formulación sempre foi de "portas abertas".

Segundo el, trátase dun acordo de proxecto, "non de persoas", polo que no próximo congreso, que decorrerá no mes de febreiro, escollerase ao resto de persoas que formarán parte da dirección do partido en Pontevedra. Regades indicou que o acordo foi "sinxelo" porque ambas as partes compartían unha mesma visión do mundo e do socialismo que representa o partido.

"O proxecto do Partido Socialista nesta provincia é un proxecto compartido e que representa ás case 2.700 persoas militantes. Un proxecto do que todos formamos parte e no que, como sempre digo, non sobra ninguén", engadiu. Por todo iso, agradeceu a Paloma Castro tanto a decisión de dar o paso de presentarse ás primarias como o de colaborar para alcanzar o pacto de integración.

"A mensaxe que transmitimos á sociedade é o dun partido coa cabeza nos problemas que interesan á xente e que concorrerá nas próximas eleccións municipais para volver gañar, porque iso é o mellor que lle pode pasar á provincia", subliñou.

Reacción de Castro

Neste senso, Paloma Castro destacou que o partido seguirá a traballar para ter unha estrutura provincial "forte" onde todas e todos teñan o seu espazo, e na que se integren "todas as sensibilidades e cun diálogo leal". A deputada socialista dixo que un dos obxectivos a afrontar é o de ampliar a base social e contar coa mocidade. "Para iso temos que estar na rúa e dar resposta á cidadanía desde a esquerda e ser coherentes cos nosos principios", indicou.

Logo deste acordo, o calendario para o 4º Congreso Provincial continúa o vindeiro domingo, día 23, coa votación para a elección dos delegados de cada agrupación até totalizar os 212 que participarán na cita do 12 e 13 de febreiro.

Comentarios