Cambio de ciclo no PSdeG: Caballero deixará de ser portavoz no Parlamento este sábado

Nas quinielas sobre a decisión da executiva do partido aparecen varios nomes pero destácase o deputado Luís Álvarez.
Gonzalo Caballero e Valentín Formoso durante o debate das primarias do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero e Valentín Formoso antes das primarias que deron como vencedor ao segundo. (Foto: Nós Diario)

Após o relevo na executiva do PSdeG, unha vez que Valentín González Formoso gañou as primarias nas que competía con Gonzalo Caballero, a formación política segue a dar pasos na renovación do partido na Galiza. Este sábado está programado un dos movementos importantes: apear Caballero do seu papel de voceiro no Parlamento.

Malia a vitoria de González Formoso, Gonzalo Caballero seguía acaparando certo protagonismo quer na Cámara galega, quer na vida política do país, ao pronunciarse sobre os máis diversos asuntos.

No entanto, está previsto que esa especie de dupla na dirección pase á historia este sábado, cando a nova executiva planea designar ao deputado que substituirá ao ex secretario xeral do partido como portavoz socialista no Parlamento.

O recambio chega dous meses e medio despois da vitoria de Formoso nas eleccións internas, pois aínda foi no XIV Congreso Nacional do PSdeG decorrido en decembro cando se deu por fechado o groso do cambio de ciclo coa designación de novos cargos.

Recambio a un "compañeiro moi respectado"

Pasou tempo para buscar outro portavoz, se ben nas quinielas aínda aparecen varios nomes a unhas horas de anunciar quen ocupará o cargo actual de Caballero. Por exemplo, segundo explicaron fontes do partido a Europa Press, poderían ser protagonistas Julio Torrado, leticia Gallego ou Begoña Rodríguez Rumbo.

Porén, o nome que tomou máis forza desde o principio para liderar o grupo socialista no Pazo do Hórreo foi o do deputado Luís Álvarez. Trátase dunha peza chave na vitoria de Formoso, como o foron co seu apoio a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé.

Precisamente, interrogado nesta sexta feira sobre o futuro de Caballero nun acto que tivo lugar en Guitiriz, Formoso destacou que o vigués é un "compañeiro moi respectado" e "querido" no partido, polo que terá "papel" como outros compañeiros e compañeiras dun grupo político que representa a tantos galegos.

Comentarios