Vence chama articular un amplo movemento soberanista social e político para dotar a Galiza dun Estado propio

Xavier Vence foi elexido portavoz nacional cun apoio case que unánime, 1.215 votos a favor, 9 en contra e 44 abstencións. E no seu primeiro discurso como portavoz nacional defendeu camiñar cara a un estado propio e unha sociedade inclusiva. E para iso, ilusión, diálogo e traballo, aconselleu. "Temos que partillar unha folla de rota con todas as forzas nacionalistas para erguer un movemento multicor soberanista"
 
asemblea BNG

Xavier Vence deu o seu primeiro discurso como novo portavoz nacional do BNG. Fíxoo ante máis de 2.000 persoas, que ateigaban o Palacio de Congresos de Compostela onde decorreu a XIV Asemblea Nacional da fronte nacionalista. E non foi un discurso curto: foron 54 minutos dunha intervención densa e con diferentes mensaxes e lecturas que se entrelazaban nun punto común: a soberanía. Un discurso no que o novo portavoz recoñeceu que esta fora "unha asemblea moi especial", lembrando que "temos moitos retos, dentro e fóra" e que "moita xente agarda no país resultados desta Asemblea Nacional".

As primeiras palabras do novo portavoz nacional foron tanto para amosarse orgulloso das persoas que o acompañan na nova travesía no Consello Nacional e na Executiva ("este país ten futuro") como para agradecer a Guillerme Vázquez o traballo que desde hai catro anos e até este domingo desenvolveu nese posto: "Tivo que tripular esta nave en tempos difíciles. Fíxoo con xenerosidade".

"Non somos, nen fumos nen seremos autonomistas: somos soberanistas"

Xavier Vence fixo unha defensa da soberanía nacional como a ferramenta de loita e combate contra a crise e de construción do futuro para Galiza. Lembrou que o nacionalismo é soberanista desde a asemblea de Lugo de 1918 e enfatizou: "Non somos autonomistas. nen o fumos,nen o seremos. Somos soberanistas". E engadiu que a folla de rota do BNG pasa pola construción dun Estado propio e atinxir unha sociedade inclusiva. "Soberanía, dereito a decidir, Estado propio".

E para atinxir ese obxectivo, hai que articular un amplo movemento social e político no que se inclúan a todos os soberanistas. "Temos que convencer a certo nacionalismo de que a soberanía non é algo só cultural ou identitario. É gobernarnos nós mesmos, sen dependencias alleas".

Tamén se referiu aos "amigos" que din que a contradicción principal é esquerda/dereita, perguntándolles "onde cren que van loitar contra esa contradición: en Alemaña, en Estados Unidos?... non, en Galiza". Neste punto, Vence sinalou, con retranca, que había "moito Trotski e Toni Negri" mal entendido.

Sen complexos

Mais non foi o discurso de Vence un discurso para erguer diferenzas, senón un apelo aos nacionalistas a atopar puntos en común para avanzar no proxecto soberanista. E para iso, o novo portavoz apuntou tres eixos: no social, nas alternativas sectoriais e no institucional. Espazos para confluír en clave soberanista movementos políticos, sindicais, estudiantís, sociais,...en clave soberanista. "Temos que partillar unha folla de rota con todas as forzas nacionalistas para erguer un movemento multicor soberanista". 

 

"Ofrecer en todos os campos que temos alternativas e solucións, e que somos quen de facer outra política".

Neste sentido, fixo un chamamento a non ter medo de defender as ideas soberanistas. Citou Castelao ("petar na alma do pobo até conquerir un estado de opinión revolucionariol") mais tamén a Lenine ("paso a paso, mais só un pasiño diante do pobo") para defender que loita para atinxir a soberanía non se limita a berrar independencia, senón que debe pasar por traballar e "ofrecer en todos os campos que temos alternativas e solucións, e que somos quen de facer outra política".
 
Galiza, pode
 
Xavier Vence afirmou que a construción dun Estado propio non ten por que ser unha tolería, e puxo dados para rachar coa idea de que Galiza non pode ir por ese camiño. Así, sinalou que Galiza está entre os 100 países do mundo máis grandes en canto a poboación e entre os 50 cunha economía de maior volume. Datos para contrarrestar a idea de que un estado galego nacería fanado.


    "No BNG non sobra ninguén, todo o contrario, fai falla máis xente"

Xa en clave interna, Xavier Vence afirmou que no BNG "non sobra ninguén, todo o contrario, fai falla máis xente" e apelou ao diálogo e a atopar puntos de encontro tanto dentro como fóra.

Comentarios