Militantes e simpatizantes falan e opinan en torno a esta XIV asemblea do BNG

Máis de 2.000 persoas, entre militantes e simpatizantes, asisten en Compostela a XIV AN do Bloque Nacionalista Galego, O Bloque. Moz@s e non tan moz@s, traballadores, estudantes, desempregad@s ou xubilad@s. Unha afiliación tan heteroxénea coma o país, afirman. "Sabes? Gosto da palabra bloqueira e do seu significado", recoñece Ana, de 20 anos e de Compostela.
Asemblea BNG
photo_camera Asemblea BNG

Desde as 8:30 da mañá, e nun frío día en Compostela, ducias de militantes do BNG afanábanse en teren todo pronto para que, ao abrir as portas do Palacio de Congreso e Exposicións para comezar o proceso de acreditación, todo saíse á perfección. Militantes que fan parte do servizo de organización desta XIV Asemblea Nacional do BNG. Unha cita na que, a media mañá, xa se tiñan acreditado máis de 1.500 persoas, e que pouco despois aumentaban a perto de 2.000. Un número que explicaba o constante tráfego de movemento no interior do Palacio compostelán: O salón onde decorre a AN, cheo até a bandeira, e as persoas a se saudar, parolar, falar nos corredores ou cafetería. 

Persoas procedentes das diferentes comarcas de Galiza para participar nesta XIV Asemblea Nacional, a primeira após a realizada en Amio, a que logo resultaría na marcha de Compromiso por Galicia ou Anova. "Pasaron moitas cousas neste ano e medio", reflexiona Manuel desde Ourense. "E houbo que ouvir de todo. Mais aquí estamos. Porque creo que o Bloque, digan o que digan, é o mellor para Galiza". 

"Pasaron moitas cousas neste ano e medio", reflexiona Manuel. "E houbo que oir de todo. Mais aquí estamos"

"Todo o que sinto, resúmese na palabra nacionalista galega. Por iso son do BNG"

De igual xeito exprésase María, chegada desde a comarca do Salnés, ou Xilberte, do Barbanza, ambas bañadas polas augas da Ría de Arousa. Ela, estudante; el, pensionista. "Son nacionalista. Tamén de esquerdas, feminista e internacionalista, claro. Mais todo iso para min entra na palabra nacionalista galega. E por iso milito aquí". Aquí é o BNG. Xilberte militou hai moitos,moitos anos no PCE. Mais desde hai tamén moitos anos elixiu BNG. E non se perde unha asemblea nin un Día da patria.

E de Vilagarcía vén até a Asemblea Nacional Pérez Faya, que con 89 anos é dos militantes do BNG de maior idade. Mais os anos non pesan, di. "Gostei moito de como falou Guillerme", afirma, antes de sinalar que "a estas cousas hai que vir, non podemos rendernos... hai que loitar que se non pápannos". Tamén lle gosta ir a todas as asemnleas e manifestacións

Como tampouco as perde Antón, que vive en Compostela, mais milita na Coruña. "Unha cousa boa disto é que ves a xente que non ves o resto do ano", recoñece cun riso, "igual que acontece co Día da Patria". A perguntas de que espera desta XIV AN di: "Coller forzas e crer nós mesmos outra vez que si, que temos moito que ofrecer a este país". Perguntado pola liña da soberanía, argumenta: "Se o nacionalismo non é soberanista, é rexionalismo, non nacionalismo".

Antón, da Coruña: "Se o nacionalismo non é soberanista, é rexionalismo, non nacionalismo"

Ana e Esther son amigas e simpatizantes que viñeron convidadas a esta asemblea "para ver", como elas mesmas din. Ambas as dúas traballan, mais Esther vén de estar algúns meses ("demasiados") no desemprego. "Sempre votamos BNG, creo lembrar", e aponta que "vamos a Días da Patria, mítins,.... mais non demos o paso de afiliarnos". Recoñecen que meditan facelo: "Nos momentos en que máis se ataca algo ao que aprezas, pois... as gañas de apoialo van a máis, non?".

Susana: "Desta AN espero manternos como o que sempre fomos, nacionalistas, e coller folgos para recuperar á xente que xa non confía en nós"

"Arreglar o mundo"

Susana ten vintepoucos e vén da Galiza interior. Traballa nunha xestoría. Di que xa de pequena era rebulideira e perguntaba por todo, "quizás por iso acabei no BNG". Empezou a falar de política moi nova, "e miña aboa dicíame... pero ti, a qué andas? a arreglar o mundo?". Ri ao contalo. Da AN agarda "manternos como o que sempre fomos, nacionalistas, e coller folgos para traballar moito e para chegar a toda aquela xente que, polo motivo que fose, xa non confía en nós". Cre que, para este obxectivo, Xavier Vence é a persoa axeitada. "Ademáis, é de Rodeiro, non?...case veciños". E volve rir.

Comentarios