O relatorio político atinxe o apoio do 95% da militancia na XIV Asemblea do BNG

O relatorio político, a folla de rota que o BNG se marca entre asembleas nacionais, atinxiu o apoio do 95% da militancia presente na XIV Asemblea Nacional. Foron 750 votos a favor por só 28 en contra e 4 abstencións. Horas antes, o informe de xestión tamén tivo un abrumador apoio da Asemblea. 
AN do BNG
photo_camera AN do BNG

O relatorio político do BNG foi aprobado polo 95% dos militantes presentes na votación deste documento, a folla de rota que o BNG seguirá nestes meses baixo tres premisas básicas: espallar o nacionalismo, impulsar a democracia e revitalizar o BNG. O relatorio tivo o 95% dos votos fronte o 3,5% de votos en contra e o 0,5% de abstencións. 

Cómpre lembrar que o informe de xestión apresentado polo Consello Nacional saínte obtivo aínda un abrumador apoio da militancia do BNG presente na XIV Asemblea Nacional que, ao longo deste domingo, está a decorrer no Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela. O informe tivo só 118 votos en contra, por 1.098 a prol e 58 abstencións. @s presentes tamén rexeitaron o voto particular formulado por Abrente ao relatorio político. O voto particular do colectivo que lidera Carlos Aymerich apañou 137 votos a favor por 901 en contra e 15 abstencións.

No informe de xestión sinalouse que o BNG "enarborou unha alternativa política baseada na soberanía, na mudanza radical das políticas económicas e na saída social á crise", alén de refrendar que foi a formación frentista a única actuante en Galiza que "puxo o acento na importancia que ten o logro da soberanía para a resolución dos nosos problemas colectivos". Aliás, a organización frontista indica que mantivo "unha contundente oposición ás políticas económicas que provocaron e agravan a crise económica".

Comentarios