Xavier Vence apela a cambiar os modos de "relacionarnos entre nós, coa sociedade e coas outras forzas nacionalistas"

Xavier Vence defendeu o relatorio político na XIV AN do BNG. Unha intervención centrada na necesidade de crear conciencia nacional, ben como na implicación de tod@s para "dar unha volta á situación" e procurar novos modos de relación "entre nós, coa sociedade e coas outras forzas políticas nacionalistas"
asemblea bng

Xavier Vence incidiu na necesidade de "fomentar a conciencia nacional neste país", un dos aspectos contidos no relatorio político que defendeu na Asemblea Nacional do BNG. Vence, que encabeza a candidatura ao Consello Nacional da fronte nacionalista, insistiu en que hai que "fortalecer a conciencia nacional, porque só así terá Galiza futuro". 

Tamén negou que exista unha "deriva soberanista" no BNG e lembrou que a fronte nacionalista "leva sendo soberanista desde o principio". Aínda máis, puntualizou, "o nacionalismo é soberanista desde que na asemblea nacionalista de Lugo en 1918 acordaron que a soberanía reside no pobo galego".

O que si hai, afirmou, é unha "deriva centralista" que nos últimos anos estase a intensificar e facer máis forte. O que será elexido hoxe como novo portavoz nacional do BNG fixo mención ao duro ano de goberno central a golpe de decretazos e o “submetimento de Feijóo á política de Madrid. Non temos un goberno galego senón unha sucursal de Madrid”, enfatizou. Non esqueceu a imediata actualidade, a corrupción política que “é un problema do PP”.

Man tendida

A persoa que con toda probabilidade será hoxe elexida novo portavoz nacional do BNG tamén fixo un chamamento a "involucrarnos tod@s" en mudar "as formas e modos de relacionarnos entre nós, para así sentar as bases para cambiar as formas "de relacionarnos coa sociedade" e tamén con "outras formacións políticas nacionalistas" coas que, apuntou, haberá escenarios e ocasións que requiran de colaboración e traballo conxunto.

Comentarios