18-F

Así vai ser o debate electoral na CRTVG (e así o preparan as candidatas)

O aspirante do PP a revalidar como presidente da Xunta abrirá e fechará a cita (o único debate ao que asistirá), que terá tres bloques temáticos.

candidatos
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro, Marta Lois e Isabel Faraldo. (Foto: Europa Press)

A Corporación Radio Televisión de Galiza (CRVTG) acolle esta segunda feira, día 5 de febreiro, o único debate electoral ao que o presidente da Xunta da Galiza e candidato popular, Alfonso Rueda, confirmou a súa asistencia. Unha cita na que participarán a líder do BNG, Ana Pontón, o aspirante socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, a candidata de Sumar de Galicia, Marta Lois, e a de Podemos, Isabel Faraldo.

Os detalles do encontro foron abordados por representantes do PPdeG, BNG, PSdeG, Podemos e Sumar nunha reunión que decorreu o pasado 26 de febreiro na sede do ente público en San Marcos (Santiago). Vox quedouse fose a pesar dos recursos presentados ante as xuntas electorais galega e central.

Será a partir das 21:30 horas e o candidato do PP á reelección como presidente da Xunta, Alfonso Rueda, será o encargado tanto de abrir como de pechar unha cita política que virará ao redor de tres bloques.

Tres bloques

En concreto, serán os seguintes: un primeiro sobre políticas económicas e orzamentarias, no que se falará principalmente de emprego, industria e transición ecolóxica; un segundo sobre políticas sociais e financiamento do benestar, que inclúe educación, sanidade, igualdade e lingua; e un terceiro de modelo institucional para falar de pactos, gobernabilidade e a voz de Galiza no Estado.

O debate non terá minuto inicial, senón que arrincará directamente no primeiro bloque coa intervención de Rueda. Foron as tres formacións con representación no Parlamento (PP, BNG e PSdeG) as que escolleron, por orde de maior a menor representación, que bloques queren abrir e pechar. O mesmo criterio, sen sorteos, seguiuse para escoller o atril que ocupará cada candidato.

Con todo, a orde do minuto final ou 'de ouro' está fixado de menor a maior: Isabel Faraldo (Podemos), Marta Lois (Sumar), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Alfonso Rueda (PPdeG).

Este debate a cinco na Televisión de Galiza é o único que hai pechado entre os candidatos tendo en conta que o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alfonso Rueda, rexeitou participar nos organizados tanto por Radiotelevisión Española (RTVE), como pola Cadea SER, ademais outros propostos por diversos medios de comunicación.

Preparando a cita

Todos os candifatos reduciron ou cancelaron a súa axenda pública de campaña para preparar o debate cos seus círculos de confianza. Así, o propio Alfonso Rueda explicou este domingo que, á marxe das tarefas que teña que realizar como presidente, está "obrigado por moitísimas razóns" para preparar un debate que desexaría que fose visto pola “maioría" de potenciais electores para escoitar as propostas de cada candidato ou candidata.

Pola súa parte, Ana Pontón prepara o debate co seu equipo de gabinete e unha asesoría externa. A naconalista, que foi reservando ocos neste tempo e despexa a súa axenda, tratará de escenificar que hai dúas alternativas: ou as políticas de Rueda ou un cambio presidido por ela, cun proxecto para unha Galiza mellor para os galegos.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, centra a tarde do domingo e parte da segunda feira en preparar, co seu círculo máis próximo de asesores, este evento, tal e como sinalaron fontes socialistas a Europa Press.

Pola súa patte, fontes de Sumar trasladaron a Europa Press que a súa candidata, Marta Lois, está a tomarse "moi en serio" a preparación do debate ao considerar que se trata dun "momento crucial" na campaña.

Por último, a candifata de Podemos, Isabel Faraldo, tamén ten a axenda baleira para centrarse nos preparativos desta cita política, na que traballa xunto ao equipo que a asesora.

Comentarios