18-F

A Xunta Electoral estima unha demanda do BNG e insta a CRTVG a aumentar o tempo dedicado á campaña

O organismo non considera "suficiente" a motivación da corporación pública para reducir os tempos de cobertura e dedicar nesta ocasión menos espazo á cobertura da campaña electoral que nos comicios de 2020.
Marta Lois (Sumar), Miguel Tellado (PP), José Miñóns (PSOE) e Néstor Rego (BNG), no debate organizado pola CRTVG de cara ás eleccións estatais de xullo de 2023.
photo_camera Marta Lois (Sumar), Miguel Tellado (PP), José Miñóns (PSOE) e Néstor Rego (BNG), no debate organizado pola CRTVG de cara ás eleccións estatais de xullo de 2023.

A Xunta Electoral da Galiza acordou esta cuarta feira, perante unha resolución que deu a coñecer hoxe, estimar parcialmente a reclamación interposta polo BNG contra o Plan de cobertura informativa da CRTVG de cara ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro. O organismo regulador dos procesos electorais insta a corporación de medios públicos, en consecuencia, a ampliar os tempos dedicados á información específica da campaña, cando menos para equiparalos aos dos anteriores comicios, en 2020, pois entende que a motivación da CRTVG para reducilos esta vez "non é suficiente".

No relativo á redución da cobertura diaria da campaña electoral, o Bloque precisaba na súa reclamación que, "se ben garda proporcionalidade" entre as distintas forzas políticas que se presentan, non está "xustificado" que pasase dun total de 370 segundos en 2020 a só 200, case a metade, en 2024. E neste punto puxo o exemplo do tempo dedicado daquela a En Marea, que viña de obter 19,07% dos votos e dispuxo de 65 segundos de información diaria, mentres o BNG, co presente Plan de cobertura e malia obter 4,7 puntos máis que En Marea, tería 52 segundos.

Desde a CRTVG responderon alegando que na súa proposta "a duración da información especifica da campaña electoral para as formacións políticas con representación no Parlamento axústase proporcionalmente aos resultados obtidos nas últimas eleccións ao Parlamento da Galiza" e que en 2020 a atención mediática centrárase en sete formacións políticas, mentres neste caso serán cinco —as tres parlamentarias e mais os "grupos políticos significativos" de Sumar e Podemos—, "polo que o tempo de duración total da información electoral é menor".

Porén, a Xunta Electoral non considera "suficientes" os motivos expostos polos medios públicos para reducir o tempo de cobertura da campaña, "nomeadamente pola incidencia desta redución na súa aplicación ás forzas políticas con representación parlamentaria en relación coa anterior convocatoria electoral", e destaca a importancia do "pluralismo político e social" na programación, "singularmente na información específica relativa á campaña electoral".

Por outra parte, en relación coa segunda cuestión que expuña o BNG, a celebración dun único debate na TVG, o organismo entende que a organización de debates "é unha decisión que corresponde ao medio, debendo limitarse a Xunta Electoral competente a velar polo respecto aos principios de pluralismo político e social, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa".

Comentarios