18-F

A oposición cuestiona a escolla de Alejandro López como moderador do debate electoral da CRTVG

O subdirector de Informativos da CRTVG está a ser investigado por presunto delito de acoso laboral.

López Carballeira CRTVG-2
photo_camera Alejandro López Carballeira entrando para declarar nos xulgados de Compostela o pasado 1 de febreiro. (Foto: Arxina).

A Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) designou como moderadores do debate electoral da próxima segunda feira, 5 de febreiro, dous integrantes da dirección do ente público, a xefa de redacción de Servizos Informativos, Marta Darriba, e o subdirector de Servizos Informativos, Alejandro López Carballeira, un dos tres altos cargos da CRTVG que declarou como investigado nun procedemento por presunto acoso laboral nun xulgado de Compostela.

As forzas de oposcición

"Para alén deste caso concreto, que non é de recibo, ao BNG o que lle preocupa é o nivel de manipulación e instrumentalización partidaria que hoxe existe na TVG e as condicións nas que excelentes profesionais teñen que traballar e polas que levan protestando ao  longo de 300 Venres Negros". Quen así se pronuncia, cuestionado por Nós Diario, é Rubén Cela, coordinador de campaña do BNG, quen asegura que “non existe en todo o Estado español unha televisión tan teledirixida por un partido político”.

O coordinador de Campaña do PSdeG, José Manuel Laxe, non entrou a valorar a designación de López Carballeira como moderador, mais expresou a "firme defensa dos dereitos laborais da traballadora da RTVG [a querelante no caso do suposto delito de acoso laboral], e por extensión de todos e todas as empregadas dos medios públicos que defenden a dignidade da profesión”. "Ninguén debe estar discriminado laboralmente por razóns ideolóxicas", apuntou Laxe, que considera "imprescindíbel" a "reforma" dos medios públicos.

O responsábel de Comunicación de Sumar, Iván Olmos, comenta a Nós Diario que “en calquera país avanzado, se o moderador dun debate electoral vai declarar como investigado nun procedemento xudicial por acoso laboral a unha compañeira, non podería de ningún xeito moderar ese debate”. Entende que “na Dirección da CRTVG hai moito nerviosismo, porque son conscientes de que a partir de 18 de febreiro vai haber cambios para democratizar a CRTVG, para pór remate ao nivel de manipulación”.

Por outra parte, o secretario de Comunicación de Podemos, Luchi Dolisnni, sinala a Nós Diario que “non é sorprendente que unha persoa que está sendo investigada nun caso de acoso laboral sexa colocado para moderar o debate lectoral da CRTVG, sobre todo cando o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, se atopa na mesma situación”.

Neste punto, incide en que “na CRTVG ter unha denuncia por acoso laboral é una medalla de mérito para ascender internamente” e apunta que “prácticas como as investigadas evidencian unha intención de calar e meter medo”. Consultado por Nós Diario de cara a coñecer a opinión sobre o papel asignado a López Carballeira no debate, o PP eludiu ofrecer a súa visión.

A posición da CRTVG

Si a ofreceu a CRTVG a través do seu gabinete de prensa, que remitiu unha nota a Nós Diario onde sinala que “sobre os feitos que conforman a acusación de presunto acoso laboral existen dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza favorábeis á Corporación e aos seus directivos e traballadores. Houbo tamén dúas Comisións Internas de investigación (formadas por empresa e parte social) que concluíron que non existían indicios de condutas compatibles con supostos de acoso laboral. A acusación non está radicada neste traballador, esténdese a oito persoas entre as que hai directivos, traballadores e extraballadores, e a xudicialización do caso era xa coñecida hai máis de oito meses”

A nota da compañía pública continúa sinalando que “o nome dos moderadores do debate electoral na CRTVG é público xa desde o mes de decembro. Todos os representantes dos partidos concorrentes ao debate reuníronse co equipo da CRTVG encargado do Plan Electoral (entre os que se atopa esta persoa) con cordialidade e sen expresar a máis mínima obxección a este respecto, nin existe tampouco ningún recurso ante a Xunta Electoral, como non podería ser doutra forma, xa que impera o principio de presunción de inocencia. Asemade, a xustiza acaba de desestimar integramente as catro demandas interpostas por supostas represalias e abusos contra traballadores cuxos casos foron obxecto da folga previa á campaña das eleccións municipais do 28 de maio pasado. Nos catro casos, dous xuíces diferentes concluíron que non eran certas as acusacións de represalias e acoso vertida contra a Corporación."

Esas “catro demandas por supostos abusos e represalias” ás que alude a Dirección da CRTVG non teñen relación coa causa de acoso laboral na que está citado como investigado López Carballeira. Ademais, ningunha xurisdición do penal do TSXG se pronunciou sobre o fondo do obxecto da querela por acoso laboral que estuda o Xulgado de Instrución número 1 de Compostela e que levará a prestar declaración como investigado o director xeral do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, o 22 de febreiro. Ao tempo, nunha das Comisións Internas de Investigación referidas no comunicado de prensa da CRTVG non se chegou a ditaminar sobre a existencia ou non do acoso

Comentarios