12 concellos galegos prevén constituírse esta sexta feira tras ver aprazados os seus plenos

Castro Caldelas continúa pendente de que a xunta electoral fixe unha data para repetir as eleccións

Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas de voto (Foto: Nós Diario).

Un total de 12 concellos galegos prevén constituírse esta sexta feira, día 7 de xullo, tras ver aprazados os seus plenos para a conformación das novas corporacións saídas das eleccións municipais do pasado 28 de maio debido á presentación de recursos por diferentes casuísticas. Con todo, seguirá pendente a de Castro Caldelas, onde se terán que repetir as eleccións, pero aínda non foi fixada a data por parte da xunta electoral.

Este é o caso de nove consistorios do partido xudicial de zona de Noia (Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira) e de Corcubión, así como de Carballeda de Valdeorras e Celanova. Iso motiva tamén que se aprace a constitución das deputacións provinciais en ambas os casos, que se conformarán entre os días 13 e 18.

Os nove concellos do partido xudicial de Noia tiveron que esperar até este 7 de xullo tendo en conta que se debía respectar o prazo para que os diferentes partidos políticos presentasen recursos contra a decisión da xunta electoral central de desestimar unha denuncia do PSdeG. Os socialistas pedían comprobar os 900 votos nulos rexistrados nesta zona após quedar a só dez papeletas de obter un deputado provincial que recaeu no Bloque.

Papeleta pintada

Tamén se aprazou o pleno de investidura en Corcubión despois de que a formación Pacor recorrera ante a xunta electoral unha papeleta do PP pintada con tinta azul que fora contabilizada. Aínda que nun primeiro momento a xunta de zona deu por válido o voto, a xunta electoral central ditaminou que a papeleta era nula, o que daba un concelleiro a Pacor en detrimento de un do PP.

Así as cousas, os populares presentaron un recurso contencioso contra a decisión da xunta electoral central que foi resolvido na xornada do luns polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alto tribunal galego validou o voto ao PP, o que reporta un edil máis aos populares, en detrimento de a formación Partido Autónomo de Corcubión, que só conseguira un representante.

Valdeorras

Carballeda de Valdeorras sumouse á listaxe de corporacións que ficaban pendentes até o 7 de xullo tendo en conta que o Consistorio viu aprazada a proclamación dos seus concelleiros tras un recurso presentado polo único edil da oposición, José Antonio Igrexas, do independente Carballeda Renova.

Nas municipais, o PP obtivo unha ampla maioría absoluta con oito escanos, mentres que Renova conseguiu un. Este concelleiro pediu á xunta electoral de zona repetir os comicios por supostas irregularidades, pero a súa petición foi desestimada. Tras iso, recorreu ante o TSXG, que desestimou o seu recurso contencioso e validou a proclamación dos concelleiros electos.

Intercambio de cifras

En Celanova, a formación Celanova Decide pediu á Xunta Electoral Central o aprazamento como medida cautelar ante o recurso contencioso que presentou debido a un erro na transmisión telemática dos resultados da mesa de Acevedo do Río a noite dos comicios electorais do pasado 28 de maio. En concreto, intercambiáronse as cifras dos votos recibidas entre Celanova Decide e o PSdeG, polo que non se corresponde co escrutinio da acta asinada na mesa.

Este concello convocou o seu pleno de investidura para as 9.00 horas da sexta feira tras coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non admitiu o recurso de Celanova Decide.

O artigo 195.1 da Lei orgánica de réxime electoral xeral (Loreg) sinala que as corporacións municipais constitúense en sesión pública o vixésimo día posterior á celebración das eleccións, salvo que se presentou recurso contencioso-electoral contra a proclamación dos concelleiros electos. Neste caso, constitúense 40 días despois.

Sen data para Castro Caldelas

Continuará pendente de constituírse a nova corporación de Castro Caldelas, tendo en conta que se terán que repetir as eleccións municipais ao detectarse que non se mantivo a cadea de custodia dun total de 118 votos emitidos por correo que non se contaron por sospeitas de irregularidade denunciadas polo PP.

A alcaldesa en funcións, a socialista Sara Inés Veiga, explicou que polo momento aínda non teñen data para esta repetición, que deberá ser convocada pola xunta electoral.

Deputacións da Coruña e Ourense

O rexistro destes recursos motivou tamén que os plenos para designar as novas corporacións das institucións provinciais da Coruña e Ourense se atrasasen até mediados de xullo.

No caso da Coruña, prevese que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, continúe como presidente, para o que os socialistas reeditarán o acordo de goberno selado co BNG.

Tamén terá que esperar até mediados de xullo a constitución da futura corporación da Deputación de Ourense. Alí, prevese que sexa presidente o popular Luís Menor, como así aprobou na terza feira a Xunta Directiva provincial do PP, tras a xa anunciada renuncia de Manuel Balar a continuar.

Comentarios