18-F

Sumar Galicia inclúe nas candidaturas as 'fichaxes' de PSOE e Podemos: estas serán as cabezas de lista

A lista da Coruña estará encabezada pola candidata á Presidencia da Xunta, Marta Lois, que leva como número dous Paulo Carlos López, actual portavoz de Movemento Sumar.
Juan Díaz Villoslada (esquerda), ex concelleiro do PSdeG na Coruña, incorpórase ás listas de Sumar. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Juan Díaz Villoslada (esquerda), ex concelleiro do PSdeG na Coruña, incorpórase ás listas de Sumar. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Sumar Galicia incluíu nas súas candidaturas para as eleccións do 18 de febreiro as súas 'fichaxes' do PSOE e Podemos Galicia, o ex edil socialista na Coruña Juan Díaz Villoslada e a ex secretaria de Organización dos morados Gloria Alonso, mentres que o histórico sindicalista Suso Díaz, pai da vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, fechará co número 25 na circunscrición da Coruña.

Entre os nomes da candidatura, segundo fontes citadas pola axencia Europa Press, tamén se atopan o do ex alcalde de Ferrol Jorge Suárez (Ferrol en Común), que concorrerá no número sete da lista da Coruña, na que Díaz Villoslada será o número catro e na que tamén estarán Dolores Caramés Hermo, concelleira en Noia, e Xosé Lois Piñeiro, ex alcalde da Pobra, do mesmo modo que o concelleiro Manolo Seixas.

A lista da Coruña estará encabezada pola candidata á Presidencia da Xunta, Marta Lois, que leva como número dous Paulo Carlos López, actual portavoz de Movemento Sumar e co que comparte, ademais de departamento académico na Universidade de Santiago de Compostela, o impulso na Galiza do proxecto de Yolanda Díaz. Tamén se inclúe de novo a académica e escritora Marilar Aleixandre, que se vinculou desde os seus inicios ás mareas.

Na circunscrición de Pontevedra, que encabeza o ex dirixente de CCOO Ramón Sarmiento, atópanse Gloria Alonso, ex dirixente de Podemos Galicia e ligada tamén ao mundo sindical, que irá de número sete. Destacan tamén nesta circunscrición a educadora social Rocío NúñezJesús Araújo Nores, de SOS Sanidade Pública; Xurxo Charlín, da 'marea' de Cambados, ou Lara Rodríguez Pena, que liderou a lista da plataforma cidadá Apac e gobernou con Rafa Cuiña (Compromiso por Galicia) en Lalín (Deza).

O posto número dous da lista por Pontevedra correspondíalle designalo a Esquerda Unida e, neste caso, será Raquel de Ana Rodríguez. En canto á candidatura da Coruña, destaca o nome de Carmen Armada, anterior coordinadora local de EU, no posto número oito.

Ensino e sindicalismo

En canto á cabeza de lista, Sumar situou dous docentes universitarios e dous perfís do sindicalismo de CCOO. Así, se Marta Lois, que é investigadora e docente na Universidade de Santiago de Compostela, é a candidata á Presidencia da Xunta, séguea como número dous pola Coruña o portavoz de Movemento Sumar e tamén profesor universitario, Paulo Carlos López.

Ademais, despois de que a pasada sexta feira Sumar confirmase o nome de Ramón Sarmiento —ex líder de CCOO na Galiza— como cabeza de lista por Pontevedra; coñécese tamén a inclusión do profesor de Física da USC José Rodríguez Añón, con raíces na Mariña e que xa fora o número un nas pasadas eleccións estatais do 23-X. Será o 'un' por Lugo. Finalmente, en Ourense Mercedes González Pazos, funcionaria da Xunta e delegada sindical de CCOO, será a cabeza de lista.

Comentarios