PERFIL | Quen é Paulo Carlos López, o líder de Sumar na Galiza?

Sumar na Galiza traballa neste momento co horizonte posto nas eleccións galegas. Segundo puido saber 'Nós Diario', a plataforma política liderada na Galiza por López ten decidido concorrer aos comicios coas súas propias siglas.
O portavoz de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López López. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López López. (Foto: Nós Diario)

A súa designación coñeceuse esta cuarta feira, mesmo día en que a formación foi rexistrada como partido político no Ministerio do Interior, tal e como adiantou Nós Diario na segunda feira. A organización traballa para conformar as súas candidaturas de cara ás eleccións galegas. O profesor no Departamento de Ciencia Política e Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Paulo Carlos López López, foi presentado hoxe como cara pública de Sumar na Galiza. A formación liderada por Yolanda Díaz, que ten como referencias públicas na Galiza as deputadas no Congreso, Marta Lois e Verónica Martínez, destaca de López a súa traxectoria académica, como investigador e docente.

Paulo Carlos López atesoura aos seus 37 anos unha longa traxectoria política en diversas formacións galegas. Secretario xeral de Esquerda Nacionalista Mocidade, formación integrada en Galiza Nova, liderou despois as mocidades de Máis Galiza até o seu abandono do BNG, pasando, posteriormente, a facer parte de Compromiso por Galicia, formación á que representou en 2014 nas listas ao Parlamento europeo dentro da Coalición por Europa, candidatura impulsada e liderada polo PNV.

O salto de López a Sumar fíxose efectivo nos momentos previos á campaña das eleccións estatais de xullo. Nas mesmas, colaborou activamente con esta formación, coordinando diversos actos e prestando asesoramento a Marta Lois, con quen partillou Departamento na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. Neste sentido, a súa designación como máximo responsábel de Sumar na Galiza dábase por feito nas últimas semanas, tras non aceptar a responsabilidade outras persoas tocadas desde o partido.

López comprometeuse na súa presentación como voceiro de Sumar a "seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá". Neste sentido, asegurou que "nunca renunciamos á unidade" e apelou "á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político". A este respecto, apuntou que "Sumar na Galiza nace para gobernar este país e queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso na Galiza cun cambio de Goberno".

Eleccións galegas

Sumar na Galiza traballa neste momento co horizonte posto nas eleccións galegas. Segundo puido saber Nós Diario, a plataforma política liderada na Galiza por López ten decidido concorrer aos comicios coas súas propias siglas, se ben reservará postos nas súas listas para representantes doutras formacións e partidos que decidan apoiar a súa proposta. Nesta liña, declara a súa “vontade de sumar forzas con outros actores”.

O partido rexistrado esta cuarta feira mantén contactos abertos con Esquerda Unida, Podemos e outras formacións da esquerda política. Neste sentido, fontes coñecedoras das negociacións explican a Nós Diario a súa decisión de ampliar o espazo de Sumar a novos actores procedentes doutras tradicións políticas. Nesta perspectiva, a formación ten por diante designar a súa cabeza de cartel para as eleccións galegas.

Comentarios