18-F

Sumar pide repetir os resultados do 23-X e chama BNG e PSdeG a gobernar xuntos

Yolanda Díaz salienta que, de repetirse nas galegas os resultados das últimas estatais, tería garantida a presenza no Parlamento da Galiza.
Raquel de Ana, Eva Solla, Yolanda Díaz, Marta Lois, Íñigo Errejón e Ramón Sarmiento, de Sumar, hoxe, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Raquel de Ana, Eva Solla, Yolanda Díaz, Marta Lois, Íñigo Errejón e Ramón Sarmiento, de Sumar, hoxe, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A líder de Sumar, Yolanda Díaz, apelou hoxe á mobilización progresista das eleccións xerais do pasado 23 de xullo na Galiza, asegurando que, de repetirse, Sumar terá deputados polas circunscricións da Coruña e Pontevedra e haberá cambio de goberno en San Caetano. Así o sinalou nun acto político decorrido no Auditorio Mar de Vigo, onde estivo acompañada, entre outros, polo deputado de Más País integrado no grupo parlamentario de Sumar Íñigo Errejón; a candidata de Sumar ás eleccións galegas, Marta Lois, e o número 1 por Pontevedra de Sumar, Ramón Sarmiento.

Díaz fixo esta reflexión, do mesmo modo que a fixo previamente Errejón, vendo a Sumar "dentro" do Parlamento galego, nun evento ante medio milleiro de persoas no que Sarmiento debutou como candidato. A tamén vicepresidenta segunda do Goberno estatal insistiu na importancia da mobilización. "Nas nosas mans está sacar a Rueda e ao PP da Xunta. Se Vigo vota, se Pontevedra vota, Rueda cae", reivindicou en varias ocasións.

"O peor é cando a xente pensa que non hai nada que facer", lamentou, subliñando que se Sumar consegue bos resultados, as "forzas progresistas" poderán facerse co poder na Galiza. Precisamente, sobre este tema fixo un chamamento ao PSdeG e ao BNG, para repetir o que se fixo no Estado. "Mostremos que queremos gobernar xuntos, que somos diferentes, con matices. Está moi ben, pero temos a obrigación de mostrar que somos capaces de darnos a man e gobernar a Xunta", indicou Díaz na súa intervención.

Ela insistiu na necesidade dunha mobilización masiva, para que o PP "saia da Xunta da Galiza". "Se Vigo e Pontevedra votan como no pasado 23-X, o PP sale da Xunta. Non é unha broma", sentenciou. Na mesma liña falou Errejón, quen quixo apoiar aos candidatos galegos, subliñando que en Galiza existe unha maioría progresista, que se manifestou nas eleccións xerais e municipais, pero "ten que tomar conciencia da súa propia capacidade" e de que ten "na súa man a chave".

"Somos perfectamente conscientes de que para tratar mal a un pobo, os seus servizos públicos, hai que desmoralizarlo, convencelo de que non pode, de que hai que tirar a toalla. Só así poden recortar dereitos. A primeira batalla é a cabeza alta e a conciencia de que somos máis", engadiu. El referiuse á "marea branca" de pellets, indicando que "non hai que exaxerar" e que "non é como a marea negra" de chapapote. Con todo, "o PP si é o mesmo" xa que segue "mentindo aos cidadáns" e "ocultando información".

Errejón puxo o foco nas políticas realizadas por Sumar no Goberno, destacando os tres decretos levados esta semana ao Congreso dos Deputados e criticando, sen nomealos, a Podemos, por non aprobar a lexislación para a mellora do subsidio por desemprego. "Nós fixemos as cousas ben", subliñou, asegurando que este decreto "vai saír adiante" porque "se vai a volver presentar e vaise a aprobar", reivindicou.

"Políticas útiles"

Marta Lois, pola súa parte, subliñou a importancia de levar a cabo "políticas útiles" para mellorar a vida dos traballadores e das maiorías sociais. Así, explicou que pretende deixar atrás as "políticas regresivas" do PP. Tamén insistiu en que "só cun Sumar forte é posíbel un cambio histórico na Galiza". "Non é maxia, son datos. É unha realidade", volveu a repetir, do mesmo xeito que fixeron Errejón e Díaz. "Se non imos votar, o PP vai ser o encargado novamente da sanidade, do ensino, da pesca, da dependencia, das non políticas para Galicia, após 14 anos de parálises", criticou.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, foi a encargada de abrir o acto pouco despois das 19 horas, quen reivindicou a importancia de traballar para que os galegos poidan acceder a unha vivenda digna, criticando que só un 0,3% do parque de vivenda de aluguer é pública.

Após ela falou a número 2 pola provincia de Pontevedra de Sumar Galicia ás eleccións autonómicas, Raquel de Ana Rodríguez, quen agradeceu a oportunidade que supón formar parte desta candidatura e puxo en valor as súas ganas de traballar para mellorar o futuro do país. "Coa forza de todas nós, outra Xunta é posíbel", subliñou.

Ramón Sarmiento tamén colleu a palabra no acto, reivindicándose como un obreiro, considerando que son os traballadores os que teñen que chegar a participar na vida política. "A sociedade galega é loitadora, solidaria e colaboradora e cóidase a si mesma", reivindicou, negando que Galiza sexa "de dereitas". "Galiza non é como nola queren facer ver a xente do PP", engadiu.

"Sentímonos orgullosos do que é o noso país, do que está ben e do que é mellorable", indicou, asegurando que todos estes cambios están en mans de todos aqueles que poden convencer á sociedade que é importante quen estea a dirixir a Xunta. Por iso, insistiu na importancia de ir votar, porque "a Galiza progresista é maioría".

Comentarios