O Senado aproba definitivamente a Lei do audiovisual grazas ao apoio do PNV e da abstención do PP

O Pleno do Senado deu luz verde na cuarta feira, sen ningún cambio, ao proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que se tramitou polo procedemento de urxencia. A norma, que favorece o español en detrimento das demais linguas oficiais do Estado, fica definitivamente aprobada e entrará en vigor coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Senado. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Senado. (Foto: Nós Diario).

A maioría da Cámara Alta española deu na tarde da cuarta feira por bo o texto recibido do Congreso e, por tanto, optou por non incluír ningunha emenda dos grupos propoñentes.

O texto saíu adiante grazas a 125 votos a favor do PSOE, PNV, Partido Rexionalista Cántabro (PRC) e Teruel Existe; e 103 abstencións do PP, Ciudadanos e Unión do Pobo Navarro (UPN), como xa ocorrera no trámite en comisión.

O proxecto de Lei suscitou 28 votos en contra de ERC, Vox, Más Madrid, Junts per Catalunya, Més per Mallorca, Compromís, Geroa Bai, EH Bildu e Adelante Andalucía, moi críticos pola negativa a introducir cambios no Senado.

O portavoz do Grupo Parlamentario Vasco, Luis Uribe-Etxebarría, explicou o seu apoio ao proxecto do Lei por ser "notabelmente mellor" que o que saíu do Consello de Ministros “grazas ao acordo” alcanzado entre o PSOE e o PNV. ERC, pola súa parte, tamén pactara cos socialistas medidas de protección de galego, catalán e vasco que, finalmente, non prosperaron.

Ao Pleno da Cámara Alta leváronse 12 votos particulares, dado que o ditame do proxecto de Lei foi aprobado a semana pasada na Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital sen debater e sen votar ningunha das 288 emendas presentadas. O rexeitamento das emendas presentadas provocou as críticas de numerosos portavoces.

O PSOE xustificou o seu rexeitamento ás máis de 280 emendas a través do seu portavoz na materia, Olivia Delgado, quen indicou que "ningún caso se trata de aplicar ningún rodete". “Demostramos”, acrecentou, que “pomos por diante o diálogo e o consenso para mellorar as leis, pero neste caso a lei, como está, é unha boa lei e é froito do diálogo permanente".

Só 10% para as tres linguas das nacións sen Estado

En materia de promoción de obra audiovisual europea, obrígase os prestadores do servizo de comunicación audiovisual televisivo lineal a reservar polo menos o 51% do tempo de emisión a obras audiovisuais europeas. Desa porcentaxe, o 50% fican para obras en español ou nas demais linguas oficiais do Estado e, desta subcota, resérvase só un 10% para galego, vasco e catalán.

Comentarios