A Lei do Audiovisual torna o galego "invisíbel nas pantallas"

O Congreso aprobou esta quinta feira a Lei xeral de comunicación audiovisual, un proxecto que ao longo destes meses sumara críticas de entidades e organizacións de defensa das linguas minorizadas no Estado español por, indican, dar ao galego, euskera, catalán ou asturiano unha "presenza indigna".
Concentración decorrida ás portas do Congreso esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración decorrida ás portas do Congreso esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Horas antes do debate da Lei do audiovisual, unha concentración ás portas do Congreso español reclamaba "Igualdade para as linguas no audiovisual". Representantes das principais entidades que traballan a prol do galego (A Mesa), euskera (Kontseilua), catalá (Plataforma per la Llengua, Ómnium, ACPV) e asturiano (Iniciativa Pol Asturianu) participaron no acto, acompañados por deputados de diferentes formacións, entre elas o BNG, EH Bildu ou a CUP.

O Congreso debateu o ditame da Lei de comunicación audiovisual, un texto que recibiu case 1.000 emendas durante o seu paso pola Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Alí o ditame fora aprobado o 19 de maio co voto a favor de PSOE, Unidas Podemos, ERC e PNV. Esta quinta feira, no Congreso, a nova lei saíu adiante co voto a favor do PSOE e PNV e grazas á abstención do PP.

"Esta lei é unha falta de respecto á vontade do pobo galego, que se expresou a través dun acordo unánime do Parlamento da Galiza que a través da Iniciativa Xabarín demandaba cotas para o galego ou financiamentos previos e que non se recollen na proposta que chegou ao Congreso", manifestou a Nós Diario Marcos Maceira, da Mesa. De feito, en maio de 2021 o PP votou a favor na Cámara galega destas demandas sendo Núñez Feixoo presidente da Xunta e do partido na Galiza, mentres que esta quinta feira esas reivindicacións non contaron no Congreso co apoio da formación a nivel español que agora lidera o propio Núñez Feixoo.

Privatizacións

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, argumentou o voto negativo da formación á Lei xeral de comunicación audiovisual en base a tres temas: non garante a igualdade de todas as linguas oficiais do Estado, deixa os produtores independentes "aos pés dos cabalos do duopolio televisivo" e abre a porta á privatizacións dos medios de comunicación públicos. No outro extremo, Bego Nasarre, do PSOE, defendeu o ditame da Lei do Audiovisual por "posicionar España como centro de referencia para a produción audiovisual".

As entidades polas linguas do Estado lamentaron, pola súa parte, que coa nova Lei "perdeuse unha oportunidade cara á igualdade". O proxecto non responde á realidade lingüística existente no Estado, afirman. "Debemos ter en conta que esta lei é unha transposición da directiva da Unión Europea precisamente para dar cabida á produción europea. Deste modo, fuxiuse da realidade lingüística europea, dando unha presenza indigna ás linguas propias do Estado. Sinceramente, perdeuse unha oportunidade para a igualdade, a lei invisibilizará as nosas linguas nas pantallas. É máis, perpetuarase a vulneración de dereitos", afirmaron ante o Congreso. 

"Non nos tiveron en conta"

Os axentes sociais a favor das linguas "mantivemos unha actitude proactiva", facendo achegas nos anteproxectos, "trasladando as nosas propostas, activando a cidadanía para demostrar  que hai unha demanda social", explicaron. Malia isto, lamentan, "fixéronse ouvidos xordos ás nosas peticións, polo que se pode dicir que a demanda cidadá non foi tida en conta en absoluto na lei".

A situación das linguas coa nova lexislación, en cinco chaves

As entidades de defensa das linguas minorizadas levan meses advertindo que a nova Lei do audiovisual era "insuficiente" para garantir a igualdade lingüística real e que mesmo supuña un prexuízo para atinxir esa igualdade. Por que? Eis cinco chaves:

1.— Cotas testemuñais. As cotas que se estabelecerán co pretendido obxectivo de garantir a pluralidade lingüística son testemuñais, entre 0,35% e 2,55% do total.
2.— Non aplicábel ás máis vistas. A lei, ademais, non regula a situación en plataformas como Netflix, HBO, Prime ou Disney, as máis importantes e vistas
3.— Sen escolla. En relación á lexendaxe, audiodescricións e interfaces, non contempla a obrigatoriedade de dar opción de escolla de lingua, o que na práctica impedirá o uso de calquera idioma que non for o español.
4.— Contidos. A respecto da obra audiovisual dobrada, non se estabelecen mínimos de presenza para todas as linguas, limitándose a sinalar que se engadirán contidos nas linguas diferentes do español.
5.— Independentes. A proposta 'prexudica' as produtoras independentes, até o de agora o sector do audiovisual que garantía a existencia da mínima oferta nas linguas diferentes do español.

Comentarios