Marcos Maceira, presidente da Mesa: "A Lei do Audiovisual blinda aínda máis o castelán; promove o poderoso fronte aos débiles"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, atende 'Nós Diario' para analizar o impacto da nova Lei do Audiovisual que esta quinta feira aprobou o Congreso.
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)
photo_camera Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: Arxina)

—Esta quinta feira o Congreso aprobou a nova Lei do audiovisual, un texto que as entidades en defensa das linguas oficiais do Estado, entre elas a mesma, criticaron por "non garantir" a presenza das mesmas nas pantallas. Cales son as súas primeiras impresións?

Baixo unha apariencia de recoñecemento da pluralidade lingüística existente no Estado español, fíxose xusto o contrario. Garántense unha serie de mínimos en español mentres os mínimos en relación ás outras linguas oficiais son absolutamente testemuñais. A lei só garante a presenza do galego nas canles públicas estatais [RTVE] e, por outra parte, o financiamento de producións ten garantidas tamén unhas cantidades mínimas.

Ademais, só obrigaría a destinar 0,35% do financiamento a producións en galego, e ataca as produtoras independentes, que tiñan 0,5% e agora van ver que a súa viabilidade como empresas tamén está cuestionada pola propia lei.

Había un acordo no Parlamento da Galiza, froito da presión social para defender a lingua, que vemos que non se respecta fóra, no Congreso español. Todo o que se foi avanzando en relación ao audiovisual foi porque a sociedade o fixo; outra vez, a sociedade fica soa.

Quen crea que a nosa lingua non fica excluída que intente ver algo en galego na televisión

A sociedade galega mobilizouse en numerosas ocasións e reuniu máis de 30.000 sinaturas para a 'Iniciativa Xabarín', impulsada pola mesma. Semella que a demanda de contidos en galego existe e é moi grande...

O Parlamento galego foi o único do Estado que se posicionou claramente antes da tramitación da lei, e falaba de garantir a igualdade na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, unha serie de cotas, o financiamento anticipado... Isto xa é indicativo de que todo o mundo, tanto durante a recollida de sinaturas como logo no propio Parlamento, era consciente de que o galego estaba excluído, e agora seguirá a estalo.

Cunha prensenza de 0,5%, quen poida dicir que a nosa lingua non sofre unha exclusión que simplemente intente ver algo en galego na televisión, fóra do que até o de agora producían as produtoras galegas independentes. A sociedade víao con tanta claridade que o Parlamento acabou por posicionarse. Mais chegamos a algo semellante a unha 'cuestión de Estado' na que as forzas estatais [PSOE e PP, que permitiu a aprobación da norma cunha abstención] uníronse para impedir de novo que linguas teñan unha mínima consideración de igualdade.

—Como afectará o sector audiovisual esta lei?

Iso seguramente na Agapi poderán dar máis datos. O que está claro en relación ao galego é que se foron conseguindo cousas neste tempo, como a Iniciativa Xabarín, e esperamos que haxa máis avances. A sociedade e colectivos do propio sector e a Mesa activáronse e movéronse, vímolo hai pouco cando Netflix anunciou que ía comezar traducir uns poucos títulos ao galego. Avanzamos neste ano pero agora batemos outra vez cun muro no Estado español.

Do que se trataba era de garantir unha presenza mínima das linguas nos nosos propios domicilios, e iso as forzas que onte [pola quinta feira] permitiron que a lei se aprobase non foron capaces nin sequera de darnos esa mínima posibilidade. Pero como sociedade temos a capacidade de seguir avanzando. O que nos queda é, por unha parte, tentar de reverter o impacto da lei e tamén reclamar directamente, ás empresas e colectivamente, contidos en galego. Non agora mesmo, pero no futuro lograremos novos avances políticos e legais grazas á mobilización social. Temos que pular por iso.

Dá máis garantías e promover o poderoso fronte aos débiles

—Non rematou logo o camiño, senón que queda moito por percorrer.

O que nos queda é seguir traballando como sociedade para seguir dando eses pasos. Evidentemente, se non van acompañados polo poder político serán sempre máis difíciles de conseguir os obxectivos, pero iso fixemos até o de agora, dar pequenos pasos, e temos que dar moitos máis. Vemos que no Estado non queren que isto aconteza, topamos cunha barreira moi importante.

Esta lei o que fai é blindar máis o español, pero non é a lingua que precisa realmente uns mínimos para existir e ser empregado pola xente. A nós non se nos está a permitir o uso do galego no audiovisual. No Estado, iso que xa estaba garantido, agora queda perfectamente blindado. É dar máis garantías e promover o poderoso fronte aos débiles.

Aquí tamén se primaron os intereses das multinacionais do sector e o oligopolio audiovisual español. Parece que os poderes económicos, que o son, teñen máis importancia que garantir ao galego unha mínima posibilidade, unha mínima liberdade. Tanto gusta a liberdade... pois nós non a temos, cando menos, no eido audiovisual. Se o Estado quixese democratizarse e avanzar tamén nisto, cando estabelece a obrigatoriedade do español tamén debería facelo co galego.

Comentarios