18-F

Un sector do ultraespañolista Vox carga contra o candidato galego e ameaza con pedir a baixa

Acúsano de “arruinar o partido”.

Santiago Abascal e Álvaro Díaz-Mella, o pasado domingo en Pontevedra. (Foto: Adrian Irago / Europa Press)
photo_camera Santiago Abascal e Álvaro Díaz-Mella, o pasado domingo en Pontevedra. (Foto: Adrian Irago / Europa Press)

Críticos de Vox que protestaron no acto de presentación de candidatos do domingo en Pontevedra tiveron a oportunidade de facer chegar posteriormente ao líder do partido, Santiago Abascal, un escrito no que arremeten, na liña do que fixeron no propio acto, contra o seu aspirante á Xunta da Galiza  e presidente da formación en Pontevedra, Álvaro Díaz-Mella.

Representantes deste colectivo de críticos en Pontevedra, que verían o xeneral pontevedrés Antonio Budiño como candidato máis axeitado, afirman non entender "absolutamente nada" do que puido sustentar a decisión de apostar por Díaz-Mella ante a cita coas eleccións galegas do 18 de febreiro.

Se o domingo trasladaron aos e ás xornalistas presentes que xa fixeran constar as súas queixas polas vías internas correspondentes, no escrito formulado acúsano de levar catro anos "arruinando o partido en Pontevedra como presidente da xestora provincial".

Todo iso, recolle o escrito, ao que accedeu a axencia Europa Press, "vindo precedido dunha serie de traizóns, de incompetencias e de deslealdades".

Os críticos, con sospeitas mesmo sobre a súa xestión económica, quéixanse de que, lonxe de ser "destituído" como, afirman, "pediron reiteradamente as bases", sexa nomeado candidato a presidente da Xunta.

Ameazan con pedir a baixa

"É moi difícil seguir axudando o partido con estas decisións", lamentan, antes de advertir que se non se aparta Díaz-Mella da xestora tras o "estrepitoso fracaso" electoral que vaticinan o 18-F, con "toda a dor" dos seus corazóns, pedirán a súa baixa como afiliados.

"Os que defendemos o partido e a vostede como líder, don Santiago Abascal, os que amamos a España, os que queremos servila e non servirnos dela, os que coñecemos a traxectoria do partido en Vigo, en Pontevedra e na Galiza, non entendemos absolutamente nada", recolle o escrito.

Comentarios