18-F

O PP chama a concentrar o voto da dereita ante a candidatura de Vox o 18-F

"Se concentramos o voto de centro e o voto de centro dereita nunha única candidatura, nós poderemos blindar a estabilidade da Galiza", afirmou Miguel Tellado.
O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O portavoz do Grupo Popular no Congreso, Miguel Tellado, chamou este sábado a concentrar o voto de centrodereita no PP, despois de que Vox tamén vaia concorrer ás eleccións galegas do 18 de febreiro (18-F), co obxectivo de "blindar a estabilidade da Galiza".

"Confiamos na intelixencia dos galegos porque case sempre souberon elixir e fixérono ben", declarou Tellado nunha entrevista en RNE, a menos dun mes para esta cita coas urnas, na que o PP galego aspira a conseguir unha nova maioría absoluta.

Tellado, que foi secretario xeral do PP galego, indicou que en Galiza a cidadanía "ten que elixir entre a estabilidade que representa o PP e Alfonso Rueda" ou "a inestabilidade" de "unha amálgama de partidos liderados por Ana Pontón", co Partido Socialista como "terceira forza".

"A Galiza foille ben"

"Se concentramos o voto de centro e o voto de centro dereita nunha única candidatura, nós poderemos blindar a estabilidade da Galiza", afirmou, para subliñar que a Galicia foille "moi ben" durante o mandato de Alberto Núñez Feixoo e con este último ano e medio de Rueda como presidente da Xunta da Galiza.

Así, lembrou que acaban de aprobar os Orzamentos da Xunta para este ano 2024, que son os "máis expansivos da última década" e que "invisten máis sanidade, en política social e en servizos públicos". Ao seu xuízo, romper esa liña de traballo "sería mala noticia para os galegos".

Comentarios