O Congreso avala a fin do termo "diminuídos" na Constitución e a reforma constitucional pasa ao Senado

Só Vox votou en contra da iniciativa.
Aplausos hoxe no lexislativo ao aprobarse a reforma constitucional. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Aplausos hoxe no lexislativo ao aprobarse a reforma constitucional. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Congreso español aprobou hoxe a proposta de reforma constitucional para substituír na Carta Magna o termo “diminuídos” por “persoas con discapacidade”, un texto pactado por PSOE e Partido Popular (PP) que recibiu o apoio de todas as forzas políticas, coa excepción da ultraespañolista Vox, que votou en contra 48 horas despois de absterse no Pleno no que se deu luz verde á tramitación da iniciativa.

O presidente estatal, Pedro Sánchez (PSOE), ofreceu as súas desculpas ás persoas con diversidade funcional por manterse durante “tanto tempo” esa redacción na Constitución española, polo que sostivo que se está “saldando unha débeda moral”.

O texto fica agora nas mans do Senado, onde todo indica que será aprobado de forma definitiva e sen modificacións polo entendemento entre PSOE e PP á hora de non aceptar ningunha emenda á proposta.

Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego, o Partido Nacionalista Vasco e Sumar criticaron que non se permitira debater e votar as emendas á norma na Cámara Baixa.

Comentarios