Rueda insiste en que o PP "vai seguir baixando impostos" porque "é o que quere a xente"

"Alberto Núñez Feixoo será presidente de España. Por iso teñen tanto medo", asegura o presidente da Xunta.
Alfonso Rueda nun acto en Mos.
photo_camera Alfonso Rueda nun acto en Mos.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou este domingo que o PP "seguirá baixando impostos" porque é "o que quere a xente" e é "o que serve" para "darlle diñeiro ás empresas e ás familias" fronte a un Goberno central "empeñado en subir impostos".

Na súa intervención na XVI Xuntanza dos populares de Mos (Pontevedra), Rueda asegurou que nestes momentos cóntase "coa maior cantidade para gastar" que se tivo "nunca", polo que sinalou que hai que ter "'sentidiño'" para pensar "a quen lle fai máis falta" e "onde é necesario facer unha especial incidencia".

 

Ademais, manifestou que fará "todo o posíbel" para merecer a confianza da xente e "para gañala todos os días". Así, explicou que actos como o encontro deste domingo en Mos son "unha demostración da unidade e da fortaleza" do partido.

Así mesmo, segundo destacou o partido nunha nota de prensa, dirixiuse aos ministros de Pedro Sánchez "que veñen a Galiza todas as semanas a criticar ao presidente do Partido Popular con mentiras": "Alberto Núñez Feixoo será presidente de España. Por iso teñen tanto medo". 

A oposición manifestouse en contra desta rebaixa: Ana Pontón, portavoz do BNG, declarou que "esta reforma fiscal suporía agasallar 37 millóns de euros aos máis ricos mentres o mesmo goberno "acaba de suprimir a tarxeta básica de axuda á compra de alimentos e medicinas ás familias con máis dificultades". 

Na mesma liña pronuniciouse o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que cualificou a proposta de "decepción" e acusou Rueda de mostrar "escasa sensibilidade co pobo galego".

  •  

Comentarios