Consello da Xunta

Rueda enxalza a súa baixada de impostos aos máis ricos e sitúa Galiza como "referente" en fiscalidade

Aproveitando o comezo da Campaña da Renda e Patrimonio, pola que os galegos e as galegas terán que presentar as súas declaracións ante a Axencia Tributaria, o presidente do Executivo da Galiza, Alfonso Rueda, comezou esta quinta feira o Consello da Xunta enxalzando a baixada de impostos que o seu Goberno levou a cabo, a cal beneficia ás grandes fortunas.
O presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, esta quinta feira nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, esta quinta feira nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, situou esta quinta feira a Galiza como "un referente en baixada de impostos" ao comezo da súa intervención tras o Consello da Xunta. "Poderemos desfrutar grazas ás decisións que se tomaron", dixo, en referencia ás distintas medidas fiscais que desenvolveu o Executivo galego en materia fiscal.

Con todo, Rueda evitou referirse á falta de progresividade fiscal das reformas do Goberno galego, as cales provocaron que unha fortuna das grandes (de 40 millóns de euros), que pagaba polo patrimonio na Galiza en 2021 case 900.000 euros, teña pasado a pagar en 2023 menos de 450.000. No mesmo período, os patrimonios de 4 millóns de euros pasaron de aboar 36.000 a 18.000 euros.

Isto é así porque a Xunta decidiu, no marco das súas competencias, estabelecer unha bonificación de até 50% no Imposto ao Patrimonio sobre fortunas en territorio galego, o que provocou que se ingresara en 2023 por este concepto 24% menos que no ano 2020 -ano no que se aumentaron as bonificacións de 25% a 50%-, o que implicou unha perda de 27 millóns para as arcas galegas.

Diego Calvo irá ao Senado

O presidente da Xunta, aínda en funcións até que sexa elixido, delegará no seu vicepresidente primeiro, Diego Calvo, a representación da Galiza na comisión de autonomías que terá lugar no Senado español a vindeira segunda feira, véspera do inicio da sesión de investidura no Parlamento galego. Así o confirmou a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, dado que el estará centrado, segundo afirmou, en preparar o seu discurso de investidura no Pazo do Hórreo.

Vacinación de bebés

Rueda tamén anunciou esta quinta feira no Consello da Xunta a ampliación das campañas de vacinación de pneumonía, meninxite e septicemia. Até o momento, estas vacinas estaban restrinxidas ás persoas maiores e a aquelas adultas que tivesen unha situación de especial risco médico. Agora, tamén os e as bebés recibirán estas picadas cun calendario en catro fases: aos dous, aos catro, aos seis e aos 11 meses. Tamén as persoas menores de 18 anos que teñan especial risco médico recibirán estas vacinas.

Cobertura móbil

Por outra parte, o presidente da Xunta da Galiza anunciou  unha actuación autorizada pola Comisión Europea e en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para mellorar a cobertura de telefonía móbil en 114 núcleos do rural a través da instalación de torres, nunhas actuacións que serán desenvoltas polas Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal).

O servizo que facilitará a mellora da cobertura telefónica nestes núcleos, que implicará a cesión dos terreos necesarios por parte das Administración municipais, será prestado pola multinacional Vodafone, que resultou gañadora da licitación que foi convocada pola Xunta.

Comentarios