Consello da Xunta

Rueda, sobre Altri: "Galiza non está para prescindir alegremente de moitísimos postos de traballo"

O presidente galego asegura que os postos de traballo que promete a multinacional portuguesa son "especialmente necesarios" na comarca da Ulloa.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira, na reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira, na reunión semanal do seu Goberno. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, asegurou esta quinta feira que o país "non está para prescindir alegremente de moitísimos postos de traballo" como os que suporía a implantación da fábrica de fibras téxtiles da multinacional Altri en Palas de Rei (A Ulloa). Así o sinalou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde dixo que el cre "no futuro industrial" da Galiza, afirmando que na zona onde prevé instalarse Altri son "especialmente necesarios" estes empregos.

O mandatario galego dixo que son "tranquilizadores" os controis que leva a cabo o seu Goberno sobre calquera proxecto que pretenda instalarse no país. "Estou absolutamente seguro de que se, por calquera circunstancia, neste proxecto, ou en calquera outro, non se cumpren estritamente as condicións obrigadas, non se outorgará autorización e se se outorga e é informado favorabelmente é porque se produce este cumprimento", insistiu. "Se cumpre, autorizarase. E se non cumpre, non", sentenciou.

Preguntado novamente polo tema, Rueda engadiu que se avaliarán todos os impactos que Altri poida ter e que, se finalmente chega á Galiza, é porque "a empresa pode estar aí e cumpre cos parámetros". Por iso, dixo que se chega a darse o visto e prace será porque terá "efectos beneficiosos" e, se houber efectos prexudiciais, poderíanse compensar dalgunha maneira.

"Nestes días o proceso está a empezarse", indicou, pedindo que se fuxa de "afirmacións categóricas en negativo" porque "en moitos casos non van coincidir coa realidade". Así, pediu "paciencia e confianza" e quixo afastarse das "formulacións demagóxicas". "Se se pode autorizar, autorizarase. Se non, non", reiterou.

Comentarios