Rueda carga contra a paralización de eólicos por parte da Xustiza: "Non comparto os criterios do TSXG"

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, criticou onte, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, sentenzas xudiciais que paralizan eólicos. "Non comparto", dixo, "os criterios" do TSXG "e por iso os recorremos", aseverou en relación á paralización esta semana pola Xustiza dun novo eólico que fora autorizado pola Xunta.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, en rolda de prensa após o Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, en rolda de prensa após o Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).

"Resulta chocante que sexa  máis fácil paralizar unha actividade industrial que iniciala", así se expresou esta quinta feira Alfonso Rueda ante as decisións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulan, en numerosas resolucións, proxectos eólicos autorizados polo propio Goberno galego.

Esta mesma semana, o alto tribunal galego daba un novo golpe á política eólica da Xunta suspendendo cautelarmente outro parque eólico autorizado polo Executivo de Rueda, o de Campo das Rosas, promovido por Naturgy e que afecta os concellos da Estrada (Terra de Montes), Campo Lameiro e Cerded-Cotobade (comarca de Pontevedra).  

Ante esta situación, Rueda móstrase "preocupado" e asegura que non comparte "os seus criterios [do TSXG] e por iso os recorremos. Confío nos técnicos da Xunta para que se nos dea a razón". Estas declaracións de Alfonso Rueda veñen seguidas das da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, que esta cuarta feira opinou que, en materia enerxética, o desenvolvemento de proxectos enfróntase a "moitas dificultades" por "unhas voces" que ela "diría que son poucas, pero fan moitísimo ruído e están a chegar a mediatizar certas decisións".

O PP xa está a contratar actos de campaña

Na mesma rolda de prensa, Rueda foi preguntado pola prensa acerca da posíbel data das eleccións ao Parlamento da Galiza que deben ter lugar en 2024. Ante estas cuestións, o máximo mandatario galego evitou dar unha data concreta para os comicios pero si admitiu que o seu partido, o PP, xa comezou a contratar actos de campaña electoral o que apunta a que a convocatoria electoral terá lugar no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Tamén a este respecto, Rueda negou ter mantido contactos co Partido Nacionalista Vasco (PNV) para marcar unha data conxunta para as eleccións en Euskadi e na Galiza. De coincidiren en 2024, sería a quinta vez consecutiva que ambos os países votan na mesma data a composición dos seus respectivos Parlamentos.

Lei para desenvolver a Intelixencia Artificial

O titular do Executivo galego tamén realizou múltiples anuncios de acordos tomados polo seu Goberno esta quinta feira. Entre os máis destacados está un anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial (IA) na Galiza. A lei estabelecerá, segundo a Xunta, "os principios éticos para o deseño, adquisición implementación e uso de sistemas de Intelixencia Artificial por parte da Administración".

Aliás, Alfonso Rueda anunciou que o 1 de decembro entrará en vigor un complemento para o bono residencia para a atención a dependentes, e, finalmente, o presidente galego anunciou que Sanidade aprecia unha baixada considerábel da incidencia do VIH nos últimos anos na Galiza, pasando de 225 casos en 2012 a 109 no ano 2022.

Comentarios